Escola Galega de Administración Pública
Mapa web   |   Accesibilidade   |   Contacto
EGAP EGAPFORMACIÓN MULTIMEDIA ACTUALIDADE COÑECEMENTO
  • Imagen 1 de 7  

    A EGAP achega ao eido xudicial unha nova alternativa para resolver conflitos entre a cidadanía e as administracións públicas

    Xornadas / Mércores, 3 de Decembro de 2014.

    A Escola Galega de Administración Pública reuniu a máis de 200 asistentes nunha xornada na que numerosos expertos analizaron as posibilidades da mediación nas relacións entre a cidadanía e as administracións públicas. O obxectivo principal deste encontro é espertar o interese por unha forma diferente de resolver os conflitos, alternativa e complementaria á vía xudicial. Así, a mediación enténdese como un instrumento áxil e eficaz a través de instancias non xudiciais e neutrais que propoñan entre as partes un acordo voluntario coa finalidade de rematar co conflito e evitar o litixio xudicial.


    Á inauguración asistiron Sonia Rodríguez-Campos, directora da EGAP; Julio Díaz Casales, director académico da xornada e maxistrado da Sala do Contencioso-Administrativo do TSX de Galicia; e José María Gómez y Díaz-Castroverde, presidente da Sala do Contencioso-Administrativo do TSX de Galicia. No transcurso deste acto, a directora da Escola destacou a importancia desta xornada por contribuír a que a xustiza se adapte ás transformacións do contorno, “achegando novos enfoques xudiciais que incorporen vías alternativas para a resolución de conflitos”.

    Ademais, Sonia Rodríguez-Campos incidiu na necesidade de que o maior número posible de operadores xurídicos tomen conciencia de que a mediación resulta unha vía real e efectiva para chegar a acordos entre a Administración pública e a cidadanía e que á súa vez ten a vantaxe engadida de permitir descargar de traballo aos xulgados.

    Posibilidades presentes e futuras da mediación

    O primeiro dos relatorios correu a cargo de Concepción García Vicario, maxistrada presidenta da Sala do Contencioso-Administrativo do TSX de Castela-León, no que ofreceu unha visión xeral do marco legal actual da mediación no ámbito contencioso-administrativo.

    Na súa intervención resaltou as vantaxes desta institución ao ser “un proceso voluntario, flexible, de baixo custo, que favorece a comunicación, evita tensións e fai que acordo sexa máis fácil de cumprir por ser un consenso entre as partes”. Ademais, quixo destacar que esta alternativa non implica “unha externalización da Administración de xustiza senón que implica unha complementariedade”.

    Esta xornada continuará coa intervención de numerosos expertos que profundarán neste instrumento de resolución de conflitos e que analizarán a súa viabilidade no eido da Administración pública.
  •   Anterior Seguinte  
    Pax 312 de 1198
SIGUENOS ...
 
Matrícula
 
AULA VIRTUAL
 
CONTIDOS RELACIONADOS
 
CONTACTO
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a | RSS
Ir a información de Xacobeo 212