Escola Galega de Administración Pública
Mapa web   |   Accesibilidade   |   Contacto
EGAP EGAPFORMACIÓN MULTIMEDIA ACTUALIDADE COÑECEMENTO
  • Imagen 1 de 7   Imagen 2 de 7  

    A EGAP programa un Plan de Formación con 439 actividades e máis de 20.000 prazas para 2015

    A Escola / Xoves, 22 de Xaneiro de 2015.

    A directora da Escola Galega de Administración Pública, Sonia Rodríguez-Campos, presentou esta mañá o plan de actividades deste organismo para o ano 2015 durante o Consello Reitor, onde explicou que prevé a convocatoria de 439 edicións formativas e 20.355 prazas para o ano 2015, o que resulta un 9,75 por cento máis de edicións e un 10,27 por cento máis de prazas ca no ano anterior.


    O Plan de formación previsto para 2015 inclúe a formación destinada ao persoal das administracións autonómica, local e de xustiza e, por vez primeira, tamén a dirixida ao persoal de administración e servizos (PAS) das tres universidades galegas. Con esta actuación a Escola aglutina nun único instrumento a formación destinada aos distintos colectivos de empregados públicos da Comunidade Autónoma para a adquisición de novas competencias, a profesionalización e a actualización continua.

    O deseño deste plan parte dunha exhaustiva revisión dos resultados da avaliación das actividades do 2014 e da vixilancia permanente das actualizacións normativas e procedementais, o cal se traduciu nun incremento da formación naquelas materias que están a ser obxecto de desenvolvemento lexislativo. Como resultado os contidos experimentan unha gran renovación e diversificación, manteñen un enfoque eminentemente práctico e dan resposta a temáticas de importancia e actualidade para a Administración, contribuíndo a favorecer a transparencia na xestión e a ética pública.

    Formación diferenciada para cada Administración
    Ao igual que en anos anteriores, o persoal das diferentes administracións galegas recibirá unha formación diferenciada e adaptada ás súas necesidades. Así, o persoal da Administración autonómica poderá optar a un programa composto por 345 edicións e 15.810 prazas no que se reflicte unha importante renovación das materias, cunha porcentaxe de títulos novidosos do 47% nas materias transversais e do 77% nas materias relativas a competencias específicas.

    Canto ao persoal de xustiza, o Plan de formación contempla a convocatoria de 34 edicións e 1.660 prazas, mentres que para o persoal das entidades locais galegas poranse en marcha 33 actividades con 1.190 prazas. Ademais, para este último colectivo, a EGAP tamén convocará, por segunda vez, subvencións para financiar os plans de formación das entidades locais de Galicia, cunha contía que ascende aos 411.705 euros.

    Finalmente, a EGAP prevé convocar para o persoal de administración e servizos das universidades galegas 27 edicións formativas e 1.695 prazas.

    Cursos superiores, monográficos e xornadas
    Ademais, Sonia Rodríguez-Campos tamén deu conta durante o Consello Reitor das actividades de divulgación previstas para 2015, as cales están dirixidas non só aos empregados públicos senón tamén á sociedade en xeral. Isto amosa a vontade da Escola de achegar a formación sobre aqueles aspectos de actualidade incidentes nas Administracións e na realidade política, social e económica.

    Así, durante este ano convocaranse cursos superiores sobre organización de eventos deportivos, resolución de conflitos a través da mediación, liquidación de tributos, contratación pública e Dereito de patentes; e xornadas relativas ao Estatuto Básico do Empregado Público, a harmonización fiscal dentro da Unión Europea e a promoción da libre competencia e da defensa dos consumidores.

    Resumo 2014
    Durante 2014, a EGAP conseguiu, a través das xornadas e dos cursos monográficos, configurarse como un foro de debate en temas de actualidade naqueles aspectos que afectan á Administración pública, acadándose así un dos obxectivos propostos pola Dirección do organismo durante este mandato. Neste ámbito, cómpre resaltar o crecente número de inscricións acadadas e as boas valoracións rexistradas nas enquisas de satisfacción por parte dos asistentes.
  •   Anterior Seguinte  
    Pax 316 de 1219
SIGUENOS ...
 
Matrícula
 
AULA VIRTUAL
 
CONTIDOS RELACIONADOS
 
CONTACTO
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a | RSS
Ir a información de Xacobeo 212