Escola Galega de Administración Pública
Mapa web   |   Accesibilidade   |   Contacto
EGAP EGAPFORMACIÓN MULTIMEDIA ACTUALIDADE COÑECEMENTO
  • Imagen 1 de 7  

    A Revista Galega de Administración Pública renova o consello de redacción e aproba o número 48

    Publicacións / Mércores, 22 de Abril de 2015.

    A Revista Galega de Administración Pública (Regap) analiza temas de actualidade relacionados co dereito autonómico, as novas tecnoloxías, os retos da Administración no século XXI, o estatuto dos empregados públicos ou a ordenación do territorio e o medio.


    O consello de redacción da Revista Galega de Administración Pública reuniuse esta tarde na sede da Escola en Santiago de Compostela para aprobar os contidos do próximo número.

    A Regap número 48, que se publicará proximamente, inclúe entre as súas páxinas artigos titulados “Valoración do patrimonio cultural. Criterios para a valoración dos bens de interese cultural. Valoración dun inmoble situado nun BIC”, de Elvira Carregado Pazos; “Problemas actuais da disciplina da execución administrativa en Italia”, de Melania D'Angelosante; “A reforma da Administración local en España: unha alternativa financeira á crise”, asinado por Octavio del Campo Villares, Francisco Ferreiro Seoane e Venancio Salcines Cristal; “Procedemento antidumping en México. Posible conflito cos dereitos humanos”, de Carlos Espinosa Berecochea; “A modificación dos contratos públicos tras a entrada en vigor da Lei de economía sostible”, de Alberto Fuentes Losada; e “A proba de dano e transparencia administrativa. Elemento substancial da reserva da información en materia de seguridade pública”, de Guillermo Tenorio Cueto.

    Ademais, a parte final da revista inclúe, na sección de comentarios e crónicas, os textos de Francisco de Cominges Cáceres, sobre a “Xurisprudencia contencioso-administrativa” e de Patricia Murias Gil e Xosé Antón Sarmiento Méndez cunha “Crónica parlamentaria do segundo período de sesións de 2014. Unha aproximación pedagóxica á actualidade parlamentaria”.

    Renovación dos membros do consello de redacción e do comité científico
    A EGAP renovou recentemente o seu consello de redacción, incluíndo como membros a Marcos Cerreda Almeida, Beatriz Allegue Requeijo, José Manuel Blanco González, María Cacharro López, José Ramón Chaves García, Mª Dolores Galindo Gil, José Pernas García e Xosé Antón Sarmiento Méndez. Este consello, dirixido pola directora da Escola, Sonia Rodríguez-Campos, está constituído por expertos dos eidos relacionados coa Administración pública e ten como funcións a orientación e determinación das liñas básicas da investigación da revista, seleccionando os contidos de cada número e avaliando os seus resultados.

    Por outra banda, o comité científico da revista tamén experimentou cambios nos seus membros, coa incorporación de Mª José Bravo Bosch, Antonio Fernández de Buján, Carlos Lema Devesa e Jaime Rodríguez-Arana Muñoz.

    Revista Galega de Administración Pública
    A REGAP, que iniciou a súa andaina en 1992, estrutúrase ao xeito clásico das publicacións deste tipo con estudos doutrinais, xurisprudenciais e normativos. Na actualidade, dedícase a temas de actualidade co fin de analizar e achegar a contribución dos máximos e máis destacados especialistas en temas como o dereito autonómico, as novas tecnoloxías, os retos da Administración no século XXI, o estatuto dos empregados públicos ou a ordenación do territorio e o medio. E en especial, pretende reservar un espazo destacado á administración local, aos seus funcionarios, ao réxime xurídico destas administracións e a problemas que lle afectan directamente como a súa articulación territorial, financiamento, réxime xurídico dos seus bens, urbanismo, etc. Os principais destinatarios desta revista son os empregados públicos e os profesionais do sector privado que desenvolven as súas actividades no eido do dereito.

    Esta revista pretende converterse na publicación de dereito público de referencia da Comunidade Autónoma de Galicia, e ao tempo alcanzar as máis altas cotas de calidade científica. Actualmente atópase catalogada no Directorio Latindex e está incluída na base de datos DICE (Difusión e Calidade Editorial das Revistas Españolas de Humanidades e Ciencias Sociais e Xurídicas - CSIC), REBUIN (Rede de Bibliotecas Universitarias) e DIALNET.
  •   Anterior Seguinte  
    Pax 347 de 1219
SIGUENOS ...
 
Matrícula
 
AULA VIRTUAL
 
CONTIDOS RELACIONADOS
 
CONTACTO
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a | RSS
Ir a información de Xacobeo 212