Escola Galega de Administración Pública
Mapa web   |   Accesibilidade   |   Contacto
EGAP EGAPFORMACIÓN MULTIMEDIA ACTUALIDADE COÑECEMENTO
  • Imagen 1 de 7  

    Expertos en Facenda Pública analizan na EGAP as claves da reforma fiscal dentro da UE para lograr a harmonización

    Xornadas / Martes, 28 de Abril de 2015.

    A directora da Escola Galega de Administración Pública, Sonia Rodríguez-Campos, participou hoxe na presentación dunha xornada na que expertos do ámbito da Facenda Pública, do Dereito tributario e da Ciencia económica analizaron en profundidade o debate creado ao redor da harmonización fiscal dentro da Unión Europea e das reformas necesarias para conseguir un auténtico mercado único.


    Sonia Rodríguez-Campos, estivo acompañada polo catedrático de Facenda Pública da Universidade de Santiago de Compostela, Luis Caramés, e polo presidente do Consello Xeral de Colexios de Economistas de España, Valentí Pich.

    O primeiro dos relatorios correu a cargo de Luis Caramés que fixo un repaso polos principios que rexeron a política fiscal europea na súa creación e polas actuais perspectivas da harmonización derivadas da presión fiscal. Durante a súa intervención abordou a filosofía fundacional da UE a cal parte da base de que a harmonización total dos sistemas non é necesaria, xa que abonda con que os países respecten a lexislación europea baixo os principios de subsidiariedade e proporcionalidade. Posteriormente, a crise económica e os escándalos de evasión e fraude ligados, ambos os dous, a unha falta de gobernanza na Unión fixeron evidente a necesidade dunha maior integración europea.

    A continuación, Valentí Pich iniciou o seu relatorio ofrecendo unha visión global sobre o estado actual da cuestión da harmonización fiscal nos países membros, con especial atención ao caso español. Así, resaltou que “España é un país bastante harmonizado en comparación cos países da Unión”. Ademais, salientou a idea de que “é preciso atopar novos recursos xa que a loita contra a fraude fiscal ten os seus límites”. Nesta liña, trazou as claves fundamentais da integración fiscal europea, que son o intercambio de información, a transparencia, a claridade e a colaboración a través da vontade e a decisión política. Todos estes factores non poden funcionar illados, senón que para ser efectivos deben xerar sinerxías entre eles.

    Tamén participaron nesta xornada Andrés Faína Medín, catedrático de Fundamentos da Análise Económica da UDC, que reflexionou sobre as consecuencias de continuar coa UE sen unha verdadeira unión política; Antonio López Díaz, catedrático de Dereito Financeiro e Tributario da USC, que profundou sobre a harmonización orzamentaria, fiscal e económica; e Miguel A. Vázquez Taín, profesor titular de Facenda Pública da USC, que analizou a fraude fiscal na Unión Europea.


  •   Anterior Seguinte  
    Pax 353 de 1219
SIGUENOS ...
 
Matrícula
 
AULA VIRTUAL
 
CONTIDOS RELACIONADOS
 
CONTACTO
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a | RSS
Ir a información de Xacobeo 212