Escola Galega de Administración Pública
Mapa web   |   Accesibilidade   |   Contacto
EGAP EGAPFORMACIÓN MULTIMEDIA ACTUALIDADE COÑECEMENTO
  • Imagen 1 de 7   Imagen 2 de 7  

    Os expertos reivindican a importancia da formación para consolidar a reforma administrativa

    Xornadas / Mércores, 6 de Maio de 2015.

    A Escola Galega de Administración Pública acolleu esta mañá unha xornada sobre As futuras leis de procedemento administrativo e de réxime xurídico do sector público á que asistiron máis de 250 participantes. Nela tres recoñecidos expertos do Dereito administrativo analizaron o futuro do ordenamento xurídico da Administración a través das dúas futuras normas nucleares que regularán o sector: o Anteproxecto de lei do procedemento administrativo común das administracións públicas e o Anteproxecto de lei de réxime xurídico do sector público.


    O primeiro dos relatores, Ricardo Rivero Ortega, catedrático de Dereito administrativo e decano da Facultade de Dereito da Universidade de Salamanca, avogou pola necesidade de reformar Administración pública como resultado inevitable despois da presentación do informe CORA (Comisión para a Reforma das Administracións Públicas), xa que “non se poden levar a cabo modificacións sen unha nova lexislación”. Neste sentido, destacou que “necesitamos unha nova lei non só como panca da gran reforma administrativa, senón tamén por razóns de tipo económico e, fundamentalmente, de tipo xurídico”. Ademais, fixo fincapé en que a futura Lei do procedemento administrativo común das administracións públicas servirá para mellorar as relacións da cidadanía coas administracións públicas.

    Por outra banda, Ricardo Rivero concretou as principais novidades do texto desta nova norma e de entre elas destacou a esixencia de crear un arquivo electrónico único en cada Administración pública, interoperable con outros arquivos electrónicos, para evitar o alto grao de dispersión das bases de datos que existe na actualidade; e a previsión de que só mediante lei se poderán establecer trámites adicionais ou distintos aos contemplados nesta norma.

    A continuación, Julio González García, catedrático de Dereito administrativo da Universidade Complutense de Madrid, analizou o Anteproxecto de lei de réxime xurídico do sector público. Durante a súa intervención apuntou que tanto o Estado como as autonomías están abocados á reforma administrativa pero que se atopan limitados pola complexidade dos medios telemáticos e dos procedementos que xurdirán como consecuencia da aplicación desta nova normativa. Por este motivo a formación que ofrecen as escolas e institutos de Administración pública xogan un papel fundamental neste proceso de reforma, xa que “aínda que a lei sistematiza as regras, o esencial é a formación do persoal ao servizo das administración públicas e o apoio á cidadanía que quere utilizar a administración electrónica”.

    Ademais, Julio González foi moi crítico co Anteproxecto no relativo ao control efectivo dos entes públicos, debido a que a que o texto “non contempla mecanismos de control económico e orzamentario destes entes”.

    A xornada rematou co relatorio de Juan Ramón Fernández Torres, catedrático de Dereito Administrativo da Universidade Complutense de Madrid, o cal se centrou nos retos que formulan os dous anteproxectos de lei no relativo á implantación dunha verdadeira administración electrónica. Así, destacou a aposta pola xeneralización dos medios electrónicos dentro do sector público tanto para a relación coa cidadanía como para as relacións entre as diferentes administracións. Segundo apuntou Juan Ramón Fernández, a finalidade de todas estas medidas é achegar unha maior rapidez e efectividade, aínda que na actualidade existe a limitación de dispoñer dos medios tecnolóxicos necesarios.

  •   Anterior Seguinte  
    Pax 355 de 1198
SIGUENOS ...
 
Matrícula
 
AULA VIRTUAL
 
CONTIDOS RELACIONADOS
 
CONTACTO
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a | RSS
Ir a información de Xacobeo 212