Escola Galega de Administración Pública
Mapa web   |   Accesibilidade   |   Contacto
EGAP EGAPFORMACIÓN MULTIMEDIA ACTUALIDADE COÑECEMENTO
  • Imagen 1 de 7  

    A EGAP incrementa un dez por cento o seu orzamento destinado á formación do persoal das entidades locais galegas

    A Escola / Sábado, 15 de Agosto de 2015.

    A Xunta investirá 411.705 euros na posta en marcha de actividades formativas en toda Galicia que optimizarán o potencial destes empregados públicos e mellorará a calidade do servizo que prestan


    Santiago, 15 de agosto de 2015.- Por segundo ano consecutivo a Xunta de Galicia, a través da Escola Galega de Administración Pública, resolveu a concesión de axudas para os plans de formación destinados ao persoal das entidades locais galegas. A través desta acción o Goberno galego vai investir 411.705 euros, unha cifra un 10 por cento superior á do 2014, que servirán para pór en marcha actividades formativas en toda Galicia.

    Este importe repártese de xeito proporcional segundo o número de traballadores afectados entre as entidades solicitantes, que este ano foron a Fegamp, as catro deputacións provinciais, a mancomunidade intermunicipal de Vigo e os concellos de Lugo, Pontevedra, A Coruña, Santiago de Compostela, Arteixo, Cangas e Ferrol.

    Deste xeito, as subvencións servirán para financiar os plans de formación promovidos polas entidades locais de Galicia a través de plans de formación unitarios -aqueles que afectan ao persoal dunha soa entidade local con polo menos 200 empregados públicos-, plans de formación agrupados -os que afectan ao persoal de dous ou máis entidades locais que agrupen polo menos a 200 empregados públicos- e plans de formación interadministrativos- aqueles destinados non só ao persoal da administración promotora, senón tamén aos empregados públicos doutras administracións, destinados ás asociacións ou federacións de entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia-.

    Estas subvencións outorgáronse seguindo criterios cualitativos e cuantitativos. Nunha primeira fase analizouse o plan de formación dende o punto de vista da súa calidade, atendendo a unha serie de variables referidas aos recursos económicos propios e humanos destinados á formación no exercicio anterior, o grao de execución da subvención no ano anterior, a resposta do plan plan de formación ás necesidades de formación detectadas a través de técnicas de avaliación, a presentación e incorporación dos resultados da avaliación do plan de formación subvencionado no exercicio anterior, a programación de actividades que sexan instrumento de motivación dos empregados públicos, a inclusión de accións formativas relativas á administración electrónica, a previsión do seguimento das accións formativas, a avaliación dos resultados e do impacto da formación e a eficiencia económica do plan en función do custo hora-participante previsto, valorándose a capacidade do solicitante para formar un maior número de persoas co menor custo posible.

    Unha vez superado o nivel mínimo de calidade que se establece nas bases da convocatoria, a segunda fase consiste na adxudicación da subvención e a determinación da súa contía. Isto último faise en función do número de empregados públicos destinatarios do plan obxecto de subvención.

    Así, a EGAP participa na formación dos empregados públicos das entidades locais a través de dúas vertentes: directamente, mediante a celebración de cursos, seminarios e xornadas, e, indirectamente, mediante o financiamento dos Plans de formación das ditas entidades.

    Grazas a estas medidas, estase a promover unha administración máis moderna e próxima, optimizando os recursos materiais e humanos mediante a implementación de novos sistemas e procedementos de xestión e xeneralizando o emprego das TIC en todos os seus ámbitos de actuación; mediante unha optimización do potencial dos empregados públicos coa finalidade última de mellorar a calidade na prestación dos servizos.
  •   Anterior Seguinte  
    Pax 378 de 1208
SIGUENOS ...
 
Matrícula
 
AULA VIRTUAL
 
CONTIDOS RELACIONADOS
 
CONTACTO
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a | RSS
Ir a información de Xacobeo 212