Escola Galega de Administración Pública
Mapa web   |   Accesibilidade   |   Contacto
EGAP EGAPFORMACIÓN MULTIMEDIA ACTUALIDADE COÑECEMENTO
  • Imagen 1 de 7   Imagen 2 de 7   Imagen 3 de 7  

    A EGAP triplica a súa oferta formativa para o persoal das entidades locais

    A Escola / Mércores, 19 de Agosto de 2015.

    A Escola Galega de Administración Pública, EGAP, triplica este ano o número de actividades formativas para o persoal das entidades locais galegas respecto ao exercicio anterior. Así o anunciou nunha rolda de prensa a súa directora, Sonia Rodríguez-Campos, que fixo balance da formación impartida ata o momento a este colectivo e do que queda de aquí a final de ano.


    Segundo explicou a directora, en 2015 o programa formativo dirixido especificamente ao persoal da Administración local deu lugar á convocatoria de 1.180 prazas distribuídas en 33 actividades. Esta acción, “froito dun importante esforzo orzamentario da Escola”, supón un 200 por cen máis de actividades ca no ano anterior e un 125 por cento máis de prazas.

    Todas as actividades están destinadas aos empregados públicos e ás empregadas públicas ao servizo das entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia, así como aos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional que estean prestando servizos noutras administracións públicas de Galicia.

    O programa formativo foi elaborado tendo en conta, por unha banda, as necesidades da propia Administración, que son recollidas a través das propostas feitas pola Dirección Xeral de Administración Local e os colexios oficiais de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local e, por outra banda, os resultados das enquisas de satisfacción do ano anterior e a demanda das actividades por parte do alumnado.

    Deste xeito, a Escola elaborou este ano un programa formativo destinado a instruír aos empregados locais tanto en materias transversais, imprescindibles para desenvolver con eficacia e eficiencia unhas competencias básicas en calquera posto de traballo, como específicas, destinadas á actualización de coñecementos e habilidades directamente relacionados coas tarefas desenvolvidas.

    Todas estas actividades agrúpanse baixo catro áreas: Réxime xurídico e xestión das entidades locais; Comunicación, organización do traballo e mellora das habilidades; Administración electrónica, protección de datos e calidade administrativa; e o denominado ‘Plan formativo ofimático de Galicia’.

    Rodríguez-Campos explicou que neste momento xa remataron 15 das 33 actividades formativas e nos vindeiros meses de setembro, outubro e novembro comezarán cursos como Racionalización de recursos humanos na Administración local, Técnicas elementais de arquivos, Xestión patrimonial nas entidades locais, Negociación e traballo en equipo ou Contratación electrónica no ámbito local, entre outros.

    Financiamento de plans de formación

    Ademais do programa formativo deseñado directamente pola Escola, este organismo tamén convoca anualmente subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación das entidades locais de Galicia. A primeira convocatoria destas subvencións tivo lugar o ano pasado e grazas a elas financiouse, cun importe duns 370.000 euros, a posta en marcha de 12 plans de formación específicos, que supuxeron 140 actividades e 4.378 horas lectivas.

    Neste ano 2015 o importe dispoñible no orzamento da EGAP para as subvencións ascende a 411.705 euros, un dez por cento que o ano pasado. A fase de presentación de plans supuxo un total de 13 propostas procedentes da Fegamp, das catro deputacións provinciais, da mancomunidade intermunicipal de Vigo e dos concellos de Lugo, Pontevedra, A Coruña, Santiago de Compostela, Arteixo, Cangas e Ferrol.

    Informar, formar e debater

    Doutra banda, a directora da EGAP quixo destacar outras actividades que leva a cabo a Escola “para informar, formar e debater” sobre as últimas novidades lexislativas que afectan ao eido local. Así, este ano xa se celebrou unha xornada sobre sustentabilidade financeira e reforma das entidades locais, destinada a analizar as medidas adoptadas nos últimos anos que transformaron o noso sistema administrativo municipal.

    Finalmente referiuse á colaboración en materia formativa mediante a fórmula do convenio, coa que, por exemplo, se puxo en marcha na primeira metade do ano o VI Curso superior de formación do técnico na Administración local. Xa na segunda metade, á volta do verán, a EGAP colaborará coa Deputación de Ourense na realización de cursos de aplicacións informáticas para o persoal da Administración local de Galicia, unhas actividades que se encontran nestes momentos co prazo de matrícula aberto.

    A directora do centro concluíu que este programa formativo deixa clara “a aposta da EGAP pola formación dos seus empregados públicos como garante dun servizo de calidade”, xa que estas accións repercuten de xeito directo na eficiencia e eficacia das entidades locais.

    A formación dos empregados públicos constitúe un factor clave para levar a cabo o actual proceso de reforma e modernización administrativa co fin de acadar unha mellor xestión dos recursos, un aumento da calidade dos servizos públicos e unha adaptación e innovación continua das administracións, sempre en consonancia co interese público.

  •   Anterior Seguinte  
    Pax 379 de 1208
SIGUENOS ...
 
Matrícula
 
AULA VIRTUAL
 
CONTIDOS RELACIONADOS
 
CONTACTO
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a | RSS
Ir a información de Xacobeo 212