Escola Galega de Administración Pública
Xunta de Galicia - Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza
Mapa web   |   Accesibilidade   |   Contacto
EGAP EGAPFORMACIÓN EGAP ABERTA EGAP HOXE EGAP A MÁIS

AVISO E RECOMENDACIÓN: O seu navegador web (Internet Explorer 6) está obsoleto o cal pode provocar que certos elementos se mostren descolocados ou non se carguen correctamente. Ademáis, tampouco poderá ver ben, populares webs como Youtube ou Facebook, entre outras moitas. Recomendámoslle actualizar o seu navegador nos enlaces seguintes:

Internet Explorer Mozilla Firefox Google Chrome Apple Safari Opera
  • Imagen 1 de 7  

    A EGAP destaca o compromiso do poeta Manuel María co galego e a súa contribución á normalización do idioma entre as novas xeracións

    A Escola / Venres, 13 de maio de 2016.

    A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) comezou esta mañá as celebracións conmemorativas do Día das Letras Galegas cun acto literario dedicado ao poeta lucense Manuel María.


    O acto foi presidido pola directora da Escola, Sonia Rodríguez-Campos, a cal fixo referencia á importancia do Día das Letras Galegas ao servir como homenaxe daquelas persoas que destacaron pola súa creación literaria na lingua galega ou pola súa defensa, poñendo de manifesto a importancia de conservar o idioma, agrandalo e perfeccionalo.

    Sonia Rodríguez-Campos resaltou a figura de Manuel María, autor dalgunhas das obras máis populares en galego da segunda metade do século XX. “Coa dedicatoria do Día das Letras Galegas a este autor, faise xustiza a unha traxectoria vital dedicada á promoción do galego e a unha obra literaria comprometida co ámbito social”.

    A directora da EGAP sinalou que o acto literario celebrado hoxe serviu para lembrar a un galego que desde a súa mocidade “amosou un compromiso coa lingua inquebrantable e que destacou pola súa contribución á normalización do idioma entre as novas xeracións”.

    No acto literario tamén participou a novelista e catedrática de Literatura Española da Universidade Complutense de Madrid, Marina Mayoral, que fixo un percorrido pola figura e a obra do poeta nado na localidade lucense de Outeiro de Rei, autor de 49 libros de poesía. Na súa intervención, destacou a súa preocupación polas inxustizas sociais, a súa vocación literaria, o seu compromiso coa defensa do galego e súa afección á literatura, especialmente á de Rosalía de Castro.

    Finalmente, o escritor Xosé Carlos Caneiro resaltou a importancia do acto literario xa que “prestixia á literatura, a educación e as humanidades”. No seu discurso fixo unha defensa do galego. “A lingua debe unirnos, non separarnos” ao tempo que criticou a utilización partidista do galego. “Non é un arma política”. Caneiro salientou o compromiso social e político do poeta Manuel María, un escritor que cultivou tódolos xéneros. “Era o poeta galego por excelencia”.

    O acto literario foi clausurado cunha actuación musical do trío Rosalía.

    Concurso infantil de poesía
    Co motivo da conmemoración do Día das Letras Galegas, a Escola Galega de Administración Pública tamén convocou un concurso de poesía dirixido aos fillos e fillas do persoal ao servizo do sector público autonómico e das institucións de Galicia con idades comprendidas entre os 8 e os 14 anos.

    Xeira cultural
    A EGAP continuará os actos conmemorativos do Días das Letras Galegas o próximo día 17 de maio cunha viaxe de interese cultural polos escenarios onde transcorreu unha boa parte da vida do autor, a Terra Chá. A xeira cultural por terras lucenses contará como guía con Felipe-Senén López Gómez, historiador de arte e arqueólogo. O itinerario desta viaxe inclúe unha visita ao Castro de Viladonga, Pedregal de Irimia, Colexiata de Meira, Lagoa de Fonmiñá, Carballo de Luxís, Casa-Museo de Manuel María, Campo de Santa Isabel, Penas de Rodas e a Casa-Museo do escultor Víctor Corral.

  •   Anterior Seguinte  
    Pax 480 de 733
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a | RSS
Turismo de Galicia