Escola Galega de Administración Pública
Mapa web   |   Accesibilidade   |   Contacto
EGAP EGAPFORMACIÓN MULTIMEDIA ACTUALIDADE COÑECEMENTO

    A directora da EGAP incide en que a lexitimidade social dos entes públicos só pode garantirse se son transparentes na toma de decisións

    Cursos / Luns, 7 de Novembro de 2016.

    Esta tarde deu comezo na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) un curso superior para dar a coñecer o novo marco normativo de aplicación en materia de transparencia, acceso á información pública e bo goberno nos distintos niveis territoriais. Con esta actividade dotarase ao alumnado das ferramentas precisas para implementar dentro das organizacións as políticas de transparencia e de datos abertos, ademais de darse a coñecer as últimas novidades sobre xestión pública baseada na innovación, a Administración electrónica e a participación cidadá.


    Á sesión de apertura asistiron Sonia Rodríguez-Campos, directora en funcións da EGAP; Milagros Otero Parga, valedora do Pobo; Begoña Villaverde Gómez, vogal do Consello de Contas; e Concepción Campos Acuña, directora do curso.

    Durante a súa intervención, a directora en funcións da Escola destacou que a lexitimidade social dos entes públicos só pode garantirse se son transparentes na toma de decisións e no relativo ao gasto, así como se prestan servizos de calidade e de forma eficiente.

    Sonia Rodríguez-Campos insistiu en que o interese da EGAP do Goberno da Xunta de Galicia nesta materia é evidente polas súas implicacións no traballo cotiá dos empregados públicos, pola filosofía que subxace nela e polo convencemento de que a posta en práctica dos procedementos tendentes a garantir a transparencia é ineludible para facer realidade unha reforma administrativa guiada por criterios de integridade, eficacia e equidade.

    Nos próximos tres meses 50 persoas formaranse a través da EGAP en materia de transparencia, bo goberno e datos públicos mediante varios módulos nos que se tratarán polo miúdo temas como a ética pública, os límites e as garantías do dereito á información, a rendición de contas, a xestión de datos públicos ou o uso de redes sociais.

    O curso vai dirixido, principalmente, ao persoal funcionario dos subgrupos A1 e A2 e ao persoal laboral dos grupos I e II, aínda que tamén conta con persoal contratado polas administracións públicas, así como con outros profesionais interesados nesta temática.

    A actividade desenvolverase na sede da EGAP, en Santiago de Compostela, entre hoxe e o mes de xaneiro, cunha carga lectiva de 100 horas distribuídas en sesións presenciais, docencia online e a elaboración dun traballo final.
  •   Anterior Seguinte  
    Pax 538 de 1208
SIGUENOS ...
 
Matrícula
 
AULA VIRTUAL
 
CONTIDOS RELACIONADOS
 
CONTACTO
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a | RSS
Ir a información de Xacobeo 212