Escola Galega de Administración Pública
Mapa web   |   Accesibilidade   |   Contacto
EGAP EGAPFORMACIÓN MULTIMEDIA ACTUALIDADE COÑECEMENTO
  • Imagen 1 de 7  

    A EGAP analizará a problemática do cambio climático no próximo número da revista Administración&Cidadanía

    Publicacións / Martes, 22 de Novembro de 2016.

    Esta tarde reuniuse na Escola Galega de Administración Pública o consello de redacción da Revista Administración&Cidadanía (A&C), dirixida por Sonia Rodríguez-Campos, coa finalidade de aprobar o contido do volume 11, número 2.


    O próximo exemplar de A&C incluirá oito artigos nos que se analizarán polo miúdo o Cumio do Clima de París e as consecuencias do cambio climático. Así, Francisco Javier Sanz Larruga, catedrático de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña, e Xavier Labandeira Villot, catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, fan un primeiro achegamento ao coñecido como Acordo de París sobre o cambio climático.

    A continuación, Luis Jiménez Herrero, profesor honorífico da Universidade Complutense de Madrid, analiza as bases para unha descarbonización profunda nunha perspectiva europea e española e Vicente Bellver Capella, catedrático de Filosofía do Dereito da Universidade de Valencia, publica un artigo sobre a postura do Papa Francisco ante o cambio climático.

    A seguir, o economista ambiental Antxon Olabe Egaña aborda os elementos para unha estratexia de saída da crise tras o Acordo de París, mentres que José Luis de la Cruz Leiva, secretario da Asociación para a Sustentabilidade e o Progreso das Sociedades, presenta un artigo sobre a transición cara a unha economía baixa en carbono como unha oportunidade para o clima e o emprego.

    Os artigos sobre o cambio climático péchanse con un texto de Miren Sarisaber Iriarte, profesora de Dereito Administrativo da Universidade Pública de Navarra, sobre a política do cambio climático e cunha nota de Teresa Parejo Navajas, profesora da Universidade Carlos III de Madrid, sobre o papel dos Estados Unidos nesta problemática.

    O último número de Administración&Cidadanía complétase con tres artigos sobre temáticas tan diversas como a valoración do solo a efectos expropiatorios na lexislación española, a cidadanía ambiental ou a nova directiva contra a elusión fiscal e o seu impacto na normativa española do imposto sobre sociedades.

    Administración & Cidadanía é unha revista creada no ano 2006 que pretende ofrecer un novo enfoque sobre a realidade organizativa e xerencial da Administración pública e achegar novas perspectivas ao estudo dos procesos de intervención pública e do seu impacto desde as perspectivas económica, xurídica, política e sociolóxica.
  •   Anterior Seguinte  
    Pax 539 de 1208
SIGUENOS ...
 
Matrícula
 
AULA VIRTUAL
 
CONTIDOS RELACIONADOS
 
CONTACTO
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a | RSS
Ir a información de Xacobeo 212