Escola Galega de Administración Pública
Mapa web   |   Accesibilidade   |   Contacto
EGAP EGAPFORMACIÓN MULTIMEDIA ACTUALIDADE COÑECEMENTO
  • Imagen 1 de 7   Imagen 2 de 7  

    A EGAP promove a creación de axendas urbanas a través dun curso superior

    Cursos / Mércores, 16 de Outubro de 2019.

    A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) iniciou esta mañá o curso superior “Introdución ás axendas urbanas: das estratexias de desenvolvemento urbano sostible ás axendas urbanas. Novas oportunidades para as entidades locais galegas”, unha formación de 35 horas lectivas que ten como finalidade dar a coñecer entre o persoal empregado público o novo escenario de axendas para as cidades, vinculado aos obxectivos de sostibilidade reflectidos na Axenda 2030.


    A inauguración da actividade correu a cargo da directora da Escola, Sonia Rodríguez-Campos, que destacou a necesidade de ofrecer cursos específicos coma este en Galicia para poder afrontar os retos sociais, ambientais e económicos derivados do crecemento das áreas urbanas en detrimento das zonas rurais ou da loita contra o cambio climático.

    En consonancia co anterior, a directora da EGAP lembrou a pertinencia de deseñar novos patróns para os ámbitos urbanos que acheguen respostas eficaces aos mencionados retos. Neste escenario, incidiu, a creación de axendas urbanas está chamada a ser fundamental para o noso futuro e para a consecución dos obxectivos de desenvolvemento sostible das cidades galegas.

    Curso superior
    O curso superior iniciado hoxe servirá para formar durante dous meses a 80 empregadas e empregados públicos no conxunto de metodoloxías e criterios para transmitirlles a necesidade de integrar os obxectivos de desenvolvemento sustentable e o seu sistema de indicadores nas políticas públicas urbanas municipais e autonómicas.

    O programa, organizado ao redor de sete bloques formativos, dará a coñecer os obxectivos marcados pola Axenda 2030 no ámbito da cidade e analizará polo miúdo axendas urbanas internacionais, nacionais, rexionais e locais. Entre elas destaca a sesión do 6 de novembro na que se falará sobre a Axenda Urbana Galicia-Norte de Portugal, a primeira axenda urbana transfronteiriza de Europa.
  •   Anterior Seguinte  
    Pax 808 de 1219
SIGUENOS ...
 
Matrícula
 
AULA VIRTUAL
 
CONTIDOS RELACIONADOS
 
CONTACTO
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a | RSS
Ir a información de Xacobeo 212