Escola Galega de Administración Pública
Mapa web   |   Accesibilidade   |   Contacto
EGAP EGAPFORMACIÓN MULTIMEDIA ACTUALIDADE COÑECEMENTO
  • Imagen 1 de 7  

    O plan de formación para 2021 incidirá no teletraballo, na xestión de fondos europeos e no emprego público

    A Escola / Martes, 22 de Decembro de 2020.

    O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez presidiu hoxe o Consello Reitor deste organismo. Na reunión, tamén participou a súa directora, Sonia Rodríguez-Campos, que explicou o programa formativo previsto para o próximo ano.


    O Plan de formación para 2021 implicará a convocatoria de 615 actividades formativas e 31.469 prazas dirixidas en exclusiva ao persoal empregado público de Galicia, o que suporá aumentar un 6% o número de cursos e un 11% o número de prazas con respecto ao ano anterior. Do mesmo xeito, tamén se incrementarán as accións formativas non presenciais, coa continuidade da autoformación e da teleformación e un aumento da telepresenza, modalidade na que se impartirán máis de 2.100 prazas.

    No 2021 todos os colectivos aos que se dirixe a Escola terán acceso a un completo programa formativo deseñado para mellorar as habilidades laborais no teletraballo e coñecer as ferramentas postas a disposición da Xunta de Galicia neste eido. Así, impartirase formación sobre a xestión e coordinación de equipos en remoto, sobre a xestión do tempo no teletraballo ou sobre ferramentas dixitais específicas.

    Tamén se reforzará a formación relacionada coa xestión de fondos europeos coa finalidade de preparar ao persoal empregado público galego ante a chegada dos fondos de recuperación relacionados coa covid19. Grazas a esta medida impartiranse títulos coma “Os novos fondos europeos covid. Mecanismo de recuperación e resiliencia: execución e control” ou “Deseño e xestión de proxectos europeos”.

    Outra das novidades destacadas para o próximo ano é a especial atención do Plan aos cursos específicos sobre emprego público, nos que se profundará sobre a planificación e ordenación dos recursos humanos da Administración, sobre a selección do persoal empregado público e provisión de postos de traballo ou sobre a xestión de listas de contratación de persoal funcionario ou laboral.

    Ademais, o programa previsto para 2021 tamén conta con contidos determinados polos efectos da covid19 sobre a prevención de risco de contaxio e propagación ou sobre os protocolos e a organización de eventos na Administración pública local no novo contexto da pandemia.

    Por outra banda, continuarase co plan específico sobre igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero -que desde 2020 se oferta de xeito global con contidos tanto transversais coma específicos- e a inclusión de novos títulos relacionados con esta materia coma “Muller, medios de comunicación e TIC”, “Estratexias para a eliminación de estereotipos de xénero no exercicio da actividade profesional”, “Integración da perspectiva de xénero na xestión pública” ou “Detección e intervención ante a violencia de xénero nos centros de maiores, centros de día e centros de axuda a domicilio”.

    Este programa complétase cunha formación variada en idiomas -con cursos de lingua de signos, francés, alemán, portugués e inglés-, en ofimática -co conxunto de actividades que dan dereito á certificación galega de competencias dixitais- e cunha oferta completa en materias transversais e específicas esenciais para mellorar o traballo diario do persoal ao servizo das administracións públicas.

    Cursos superiores, monográficos, xornadas e webinarios

    A previsión da Escola Galega de Administración Pública é convocar ao longo de 2021 actividades complementarias ao plan de formación sobre as normas que previsiblemente serán aprobadas no próximo ano e que terán unha importante incidencia sobre a ordenación xurídica e na propia realidade da Comunidade Autónoma.

    A maiores, a EGAP continuará coa convocatoria mensual dos e-martes, volverá a impartir os cursos superiores de Administración electrónica e das leis 39 e 40/2015 e incidirá na contratación pública cun role play xurídico práctico sobre a materia e co curso monográfico “Xestión eficiente da contratación pública financiada con fondos europeos: pautas estratéxicas, deseño e execución”.

    Creación do Instituto de Economía Pública (IEP)

    Finalmente, durante a reunión tamén se puxo en valor a creación do Instituto de Economía Pública (IEP) a través da colaboración mediante convenio entre a Consellería de Facenda e Administración Pública e a EGAP.

    Este instituto terá como obxectivos a formación e a investigación en aspectos económicos nucleares do sector público. Neste senso, promoverá a formación avanzada, o coñecemento dos sistemas de xestión doutras administracións, así como o debate de ideas e a realización de estudos e informes no eido da facenda e da economía pública. 
  •   Anterior Seguinte  
    Pax 904 de 1219
SIGUENOS ...
 
Matrícula
 
AULA VIRTUAL
 
CONTIDOS RELACIONADOS
 
CONTACTO
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a | RSS
Ir a información de Xacobeo 212