A Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa (DXARA), dentro da Semana do Goberno Aberto, organiza un webinario sobre o Plan de mellora da calidade dos servizos públicos que terá lugar o venres 21 de maio no Salón Grande de San Caetano. Esta actividade enmárcase no eixo 5 do propio Plan xeral de xestión e mellora da calidade dos servizos do sector público autonómico de Galicia 2021-2023, que prevé a realización de actividades formativas en materia de xestión da calidade.
O webinario vai dirixido ao persoal empregado público da Administración xeral da Xunta de Galicia e das entidades instrumentais pertencente ao Subgrupo A1 e A2, preferentemente que ocupe postos de estrutura, e abranguerá as novidades máis significativas do Plan xeral de xestión e mellora da calidade dos servizos do sector público autonómico de Galicia 2021-2023, así como os compromisos da Comunidade autónoma galega no IV Plan de Goberno Aberto.
A actividade poderá seguirse de maneira presencial, cun máximo de 36 participantes, ou a través de videoconferencia, cun máximo de 150 participantes e para participar será imprescindible matricularse a través da Zona de matrícula da EGAP:
-
Entrar en https://egap.xunta.gal/matricula
-
Seleccionar a área de Réxime xurídico e actividade financeira das administracións públicas
-
Seleccionar a actividade Plan xeral de xestión e mellora da calidade dos servizos do sector público autonómico de Galicia e escoller entre a modalidade presencial (PU21016) ou en telepresenza (PU21017)
O prazo para inscribirse abranguerá do día 14 ao 19 de maio.