Escola Galega de Administración Pública
Mapa web   |   Accesibilidade   |   Contacto
EGAP EGAPFORMACIÓN MULTIMEDIA ACTUALIDADE COÑECEMENTO
  • Imagen 1 de 7   Imagen 2 de 7   Imagen 3 de 7  

    A EGAP reforza o plan de formación para 2022 coa incorporación de 124 novidades respecto ao ano anterior

    A Escola / Venres, 17 de Decembro de 2021.

    O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, presidiu hoxe o Consello Reitor da EGAP. Na reunión, tamén participou a directora do centro, Sonia Rodríguez-Campos, que informou das actividades do 2021 e explicou o programa formativo previsto para o próximo ano.


    O Plan de formación para 2022 incluirá a convocatoria de 674 actividades formativas e 34.419 prazas dirixidas exclusivamente ao persoal empregado público, o que suporá aumentar un 9,6% o número de cursos e un 9,4% o número de prazas respecto ao ano anterior. Do mesmo xeito, a directora da EGAP tamén anunciou a incorporación de 124 novidades formativas, cun incremento e diversificación da oferta.

    Durante a presentación, Sonia Rodríguez-Campos subliñou que en 2022 haberá un completo programa formativo, que inclúe contidos estratéxicos e de máxima actualidade na procura da mellora das competencias das empregadas e empregados públicos e, polo tanto, da modernización das administracións públicas de Galicia.

    As principais liñas do Plan de formación do ano 2022 van encamiñadas a abordar todas as novidades lexislativas de interese no ámbito do sector público, incorporar contidos innovadores de carácter estratéxico para as administracións, promover a mellora das habilidades personais requeridas no actual contexto social, garantir o carácter práctico das actividades formativas e prestar especial atención á aplicabilidade dos coñecementos en materias esenciais coma contratación pública, procedemento administrativo, persoal, subvencións, etc.

    Ademais, a directora da EGAP destacou o reforzo da formación en materia da Unión Europea coa incorporación de novos contidos relacionados coa acción exterior das administracións públicas galegas, o Dereito sancionador europeo ou o Dereito europeo concorrente no eido do Plan de recuperación, transformación e resiliencia. Nesta mesma liña, subliñou a importancia dos contidos relativos á xestión de fondos europeos e a formación acorde cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS).

    Por outra banda, a directora do organismo resaltou o compromiso da EGAP coa formación en materia de igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero cunha ampla oferta con preto de 2.200 prazas, na que se abordarán distintas vertentes e a inclusión de novos títulos relacionados con esta materia coma ¨Comunicación incluínte¨, ¨Empoderamiento feminino e crecemento persoal¨, ¨Diversidade afectivo-sexual" ou "Identidades de xénero¨.

    O programa complétase cunha formación variada e diversificada en idiomas -con cursos de lingua de signos, francés, alemá, portugués, inglés e, como novidade, italiano-, en ofimática -co conxunto de actividades que dan dereito á certificación galega de competencias dixitais- e cunha oferta completa en materias transversais e específicas esenciais para mellorar o traballo diario do persoal ao servizo das administracións públicas.

    Por outra parte, no que respecta ás modalidades formativas, o plan continúa a reforzar a aposta da EGAP polo emprego de diferentes cortornas de aprendizaxe e as metodoloxías de ensino baseadas no uso de medios telemáticos (teleformación, telepresenza e autoformación), sen descoidar a docencia persoal. O Plan recolle un programa de autoformación accesible a todos os colectivos do persoal empregado público, no que se ofertarán 11.000 prazas e 110 cursos, fronte as 9.400 prazas e 94 cursos do ano anterior.

    Cursos superiores, monográficos, xornadas e webinarios

    Ademais, Sonia Rodríguez-Campos fixo referencia aos cursos superiores, monográficos, xornadas e webinarios previstos para 2022. A EGAP continuará coa convocatoria mensual das xornadas de formación dixital E-martes e impartiranse os cursos superiores de Administración electrónica; das leis 39 e 40/2015 do Procedemento Administrativo Común e do Réxime Xurídico do Sector Público; ciberseguridade; inspección ambiental de Galicia; urbanismo e protección dos datos personais.

    Tamén, a Escola ten previsto organizar un programa formativo específico para o persoal directivo e predirectivo coa finalidade de que poida desenvolver as competencias que se necesitan na situación actual para impulsar a mellora continua das administracións públicas e a súa adaptación permanente ás necesidades do contexto no que actúan. Este programa constará de diversos módulos sobre dirección e xestión pública, actividade e procedemento administrativo, organización e funcionamento das administracións públicas e habilidades profesionais e desenvolvemento de competencias. 

    Instituto de Economía Pública de Galicia (IEP)

    Finalmente, informouse das actividades que se farán a través do Instituto de Economía Pública de Galicia (IEP) durante o 2022, organismo creado co obxectivo de formar e investigar en aspectos económicos nucleares do sector público. Así, abordará, a través do seu plan formativo, títulos relacionados coa xestión financeira, orzamentaria, tributaria e contable, o gasto público e o seu control e auditoría, e a contratación pública e os seus procedementos.

    Tamén en 2022 iniciarase a formación continua no marco do IEP incluíndo contidos novidosos e especializados en materias coma a auditoría operativa, indicadores orzamentarios, xestión de fondos europeos, avaliación do gasto público e integridade na contratación.

    A planificación das actividades do Instituto terá en conta, en todo momento, os novos retos e as esixencias que lles presentan ás administracións e que derivan, entre otras cuestións, da política económica vixente, da evolución dos conceptos de gobernanza e rendición de contas, e da necesaria defensa dos intereses da Comunidade Autónoma nos eidos do sistema de financiamento autonómico e captación de fondos da Unión Europea. Nesta liña, está prevista a celebración do curso superior sobre ¨Xestión estratéxica da economía pública de Galicia¨.
  •   Anterior Seguinte  
    Pax 984 de 1198
SIGUENOS ...
 
Matrícula
 
AULA VIRTUAL
 
CONTIDOS RELACIONADOS
 
CONTACTO
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a | RSS
Ir a información de Xacobeo 212