Esta tarde reuníronse na EGAP e por videoconferencia os membros do equipo editorial da Revista Galega de Administración Pública (Regap), publicación dirixida pola directora da Escola, Sonia Rodríguez-Campos, para aprobar os contidos do número 62 (xullo-decembro 2021).
Esta nova publicación incluirá, entre as súas páxinas, artigos sobre temas de actualidade relacionados coa pandemia coma o estudo ¨Fin do estado de alarma de outubro de 2020: o barullo xurídico-administrativo¨, presentado polo profesor de Dereito Administrativo da Universidade de Salamanca, Dionisio Fernández de Gatta.
Ademais, adicarase un artigo ao feminismo, concretamente o estudo ¨De qué falamos cando falamos de constitucionalismo feminista¨, elaborado polo profesor de Dereito Constitucional da Universidade Complutense de Madrid, Ignacio Álvarez Rodríguez.
Tamén, o próximo número da revista incluirá os estudos "O control escrito e asambleas lexislativas das Comunidades Autónomas. Unha mellora da función parlamentaria?", do profesor de Ciencias Políticas da Universidade Complutense de Madrid, Daniel Casal Oubiña, e tamén o texto "Entidades de certificación, entidades de colaboración e simplificación administrativa en Galicia¨, do doutor en Dereito da Universidade da Coruña, Alejandro Ramón Antelo Martínez.
Completarán este número os estudos sobre contratación "O periplo accidentado da contratación de emerxencia", de Carlos Heredero del Campo; e "Prácticas anticompetitivas e contratación pública: unha visión da autoridade de competencia¨, do doutor en Dereito da Comisión Galega da Competencia, José Antonio Rodríguez Míguez.
Así mesmo, a publicación conterá varios comentarios adicados á normativa autonómica. En concreto, tratánse do texto "A centralidade partamentaria nas decisións en tempos de pandemia: comentario sobre a competencia autonómica na aprobación da Lei 8/2021 do 25 de febreiro, de modificación da Lei 8/2008, de 10 de xullo, de saúde de Galicia¨, redactado polo letrado da Xunta de Galicia, José Antonio Sarmiento Méndez, e o artigo "Políticas de impulso demográfico na Comunidade Autónoma de Galicia: a Lei 5/2021, de 2 de febreiro", elaborado por Alice de Nuccio, da Universidade de Santiago
.
Finalmente, a revista conterá a recensión ¨A innovación pública nas administracións locais¨, escrito pola doutora en Dereito na Universidade de Vigo e avogada, Victoria Álvarez Buján.
Todos estes artigos estarán dispoñibles nas próximas semanas na páxina web da Escola (
https://egap.xunta.gal/revistas/REGAP) en versión electrónica e o seu acceso e descarga será libre.
Revista Galega de Administración Pública
A REGAP, que iniciou a súa andaina en 1992, é unha revista científica enfocada en temas de actualidade co fin de analizar e achegar a contribución dos máximos e máis destacados especialistas en eidos como o dereito autonómico, as novas tecnoloxías, os retos da Administración no século XXI, o estatuto dos empregados públicos ou a ordenación do territorio e o medio.