Os fondos europeos de recuperación centrarán os contidos do próximo número da revista Administración & Cidadanía
Publicacións / Martes, 21 de Decembro de 2021.
Esta mañá reuníuse na EGAP e por videoconferencia o consello editorial da revista Administración & Cidadanía, dirixida pola directora da Escola, Sonia Rodríguez-Campos, para aprobar os contidos do volume 16 número 2 (xullo-decembro 2021)
O próximo número desta publicación, que estará dispoñible nas próximas semanas, incluirá varios artigos relacionados cos fondos europeos de recuperación. Así, publicarase o texto do profesor de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, Alberto Vaquero García, e da profesora da Universidade de Santiago, María Cadaval Sampedro, titulado ¨Que podemos agadar dos fondos europeos?¨; e o Conselleiro do Consello de Contas de Galicia, Simón Rego Vilar, escribirá sobre os OCEX e a auditoría dos fondos Next Generation.
Tamén, coa mesma temática dos fondos europeos, incluiranse os artigos do catedrático de Dereito Administrativo da Universidade de Salamanca, Marcos M. Fernando Pablo, sobre a vella e nova colaboración pública-privada na execución do plan de recuperación, transformación e resiliencia; e do subdirector xeral de Planificación da Xunta, Ángel Luis Tarrío Tobar, sobre o orzamento da UE a longo prazo 2021-2027 e o instrumento de recuperación Next Generation.
Por outra banda, Luis Barreiro Castro, analizará a influencia electoral do poder local. O caso de Galicia (2000-2020); Lorena Cruz González, técnica da Administración Xeral do Concello de Ourense, tratará no seu artigo sobre a acción pública no ámbito urbanístico; e o profesor da Universidade Central de Venezuela, Gustavo Adolfo Amoni Reverón, abordará os dereitos ante decisións xudicais e administrativas algorítmicas recoñecidos nos casos Cada, Loomis, Lazio e SyRi.
Ademais, a revista incluirá os artigos do profesor da Universidade de Santiago, Alfonso A. López Rodríguez, e dos investigadores Andrés Díaz-Varela López e Álvaro González Gómez sobre a nova extrema dereita en Portugal o caso de Chega; e Manuel Octavio del Campo, Vanessa Miguéns Refojo e Ana Cid Bouza analizarán sobre o diagnóstico territorial: un instrumento na defensa da provisión dos servicios públicos locais.
Finalmente, a publicación conterá unha nota de Fernando Blanco Silva, profesor e enseñeiro industrial da Xunta de Galicia, sobre os criterios de actualización profesional do traballador público; e dúas reseñas dos libros de Ignacio Álvarez Rodríguez "Os diálogos metaxudicias en Estrasburgo. O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos e o Comité para a prevención da tortura", de Alejandro Villanueva Turnes; e da publicación de Rafael Oliver Cuello "Administración electrónica no ámbito tributario", escrito por José Manuel González Dona.
Administración & Cidadanía creada no ano 2006 é unha revista semestral que pretende ofrecer un novo enfoque sobre a realidade organizativa e xerencial da Administración pública e achegar novas perspectivas ao estudo dos procesos de intervención pública e do seu impacto desde as perspectivas económica, xurídica, política e sociolóxica.