Escola Galega de Administración Pública
Mapa web   |   Accesibilidade   |   Contacto
EGAP EGAPFORMACIÓN MULTIMEDIA ACTUALIDADE COÑECEMENTO
  • Imagen 1 de 7  

    A EGAP aposta por unha formación actual e de calidade para xestionar os fondos europeos de recuperación Next Generation con eficacia e eficiencia

    Xornadas / Venres, 21 de Outubro de 2022.

    A directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Sonia Rodríguez-Campos, puxo hoxe en valor a importancia dunha formación actualizada e de calidade dos empregados públicos nos fondos europeos de recuperación Next Generation para xestionalos con eficacia e eficiencia. “Os fondos comunitarios supoñen unha oportunidade extraordinaria para recuperar a senda do crecemento e, ademais, para impulsar unha modernización da economía española mediante un proceso de transformación estrutural que nos permita, a longo prazo, un desenvolvemento máis sostible e resiliente desde o punto de vista financeiro, social, territorial e ambiental”, apuntou.


    Sonia Rodríguez-Campos participou esta mañá na presentación da conferencia “A xestión de fondos do instrumento europeo de recuperación: marco xurídico-administrativo”, impartida polo reitor e catedrático de Dereito Administrativo da Universidade de Salamanca, Ricardo Rivero Ortega, na sede da EGAP, en Santiago de Compostela, con máis dun centenar de asistentes. Ao acto tamén asistiron o director xeral de Simplificación Administrativa, Jesús Oitavén Barcala, e o director xeral de Política de Cohesión e Fondos Europeos, Ángel Luis Tarrío Tobar.

    Na súa intervención, Rodríguez-Campos asegurou que unha das liñas estratéxicas da EGAP para o ano 2022 foi priorizar os contidos relativos á xestión de fondos europeos de recuperación Next Generation. “Isto reflectiuse na convocatoria de numerosos títulos sobre esta materia dentro do noso plan de formación continua, o cal se viu reforzado no mes de maio a través dunha convocatoria extraordinaria”.

    Por último, a directora da EGAP subliñou que os fondos europeos “supoñen unha valiosa apertura de posibilidades de financiamento de proxectos pero, ao mesmo tempo, tamén se traduce no incremento de carga de traballo para os responsables da súa xestión. Isto, unido a un contexto de urxencia, fará máis necesario ca nunca contar con instrumentos de execución e control áxiles co fin de sacar o máximo proveito a estes investimentos”.

    Pola súa parte, o profesor Ricardo Rivero Ortega resaltou a necesidade de axilizar os procedementos administrativos, descentralizando a xestión destas axudas, poñéndoa en mans das Comunidades Autónomas e contando cunha participación máis activa das entidades locais.

    Na conferencia, o investigador e docente palentino analizou a normativa aplicable a nivel europeo, estatal e autonómico, concretamente a Lei 9/21 de simplificación administrativa e reactivación económica de Galicia, na execución dos fondos comunitarios de recuperación. Neste sentido, Rivero Ortega afirmou que o risco de incumprimento “é moi alto e preocupante debido á disonancia entre os contidos das distintas normativas. Unha maior comunicación e coordinación entre estes niveis facilitaría tamén a compresión integral dun ordenamento complexo por parte dos seus destinatarios, os operadores públicos e privados chamados a redactar e executar os proxectos”.

    O catedrático de Dereito Administrativo da Universidade de Salamanca tamén abordou as opcións organizativas e procedimentais de xestión, os controis internos, externos e xudiciais, as responsabilidades que deben terse en conta e os riscos de incumprimento para evitar expedientes de devolución no futuro e as súas consecuencias.

    No seu relatorio, o xurista palentino falou da obligatoriedade dos plans de antifraude. Neste sentido, lembrou o Plan xeral de prevención de riscos de xestión para a execución dos fondos aprobado pola Xunta no 2021, e que foi trasladado aos concellos galegos para garantir que ditos fondos foran utilizados de acordo coa normativa aplicable. “Galicia converteuse na primeira Comunidade Autónoma en aprobar un documento deste tipo seguindo os requisitos da Unión Europea para o control de posibles fraudes na tramitación e destino dos fondos europeos de recuperación, unha iniciativa do Goberno galego a prol da transparencia e exemplaridade no desenvolvemento dos recursos comunitarios”, apuntou.

    Ricardo Rivero tamén abordou o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia aprobado polo Goberno estatal no 2021, un plan que sitúa no centro da futura estratexia de política económica catro transformacións fundamentais: a transición ecolóxica, a transformación dixital, a igualdade de xénero e a cohesión social e territorial.

    O xurista palentino conta cunha longa traxectoria como docente e investigador. É autor de 24 libros, entre eles a obra “Modernización de la Administración Pública para la ejecución del plan de recuperación, transformación y resiliencia”, e máis de cen traballos de investigación publicados en revistas e obras especializadas en Dereito público. A súas especialidades son o Dereito Administrativo Económico, a regulación, o réximen local e a innovación aplicada ás institucións administrativas.  
  •   Anterior Seguinte  
    Pax 1069 de 1219
SIGUENOS ...
 
Matrícula
 
AULA VIRTUAL
 
CONTIDOS RELACIONADOS
 
CONTACTO
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a | RSS
Ir a información de Xacobeo 212