A Constitución e o Dereito a debate na Escola
Xornadas / Venres, 12 de Xaneiro de 2024.
Esta mañá tivo lugar na Escola Galega de Administración Pública un foro de debate centrado no papel da Constitución e do Dereito no actual escenario social e político, no que participou a directora do organismo, Sonia Rodríguez-Campos.
Durante a presentación da actividade, a directora da Escola resaltou a importancia do texto constitucional ao supoñer o alicerce fundamental sobre o cal se construíu a democracia en España nas últimas décadas.
Por outra banda, falou da importancia, nun marco de transformación política e social como o actual, de establecer canles de diálogo que permitan realizar reflexións que contribúan a superar os desafíos contemporáneos e a construír unha sociedade máis xusta e equitativa.
Neste sentido, subliñou o papel da Escola como foro de debate para tratar, a través de expertos, aqueles temas de actualidade incidentes na sociedade e nas administracións co fin de analizalos en profundidade e darlles visibilidade ante a cidadanía.
O foro de debate A Constitución e o Dereito no actual contexto sociopolítico contou coa participación de Tomás Ramón Fernández Rodríguez, catedrático emérito de Dereito Administrativo da Universidade Complutense de Madrid, e de Roberto Blanco Valdés, catedrático de Dereito Constitucional da Universidade de Santiago de Compostela.