A EGAP reforza o plan de formación para 2025 coa incorporación de 123 novidades respecto ao ano anterior
A Escola / Xoves, 26 de Decembro de 2024.
A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) convocará ao longo do 2025 un total de 698 cursos, 42.340 prazas e 123 novidades formativas dirixidas ao persoal empregado público galego. Así o adiantou esta mañá a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, durante o Consello Reitor do organismo, presidido polo conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos.
Durante a presentación, Sonia Rodríguez-Campos subliñou que en 2025 haberá un completo programa formativo, que inclúe contidos estratéxicos e de máxima actualidade na procura da mellora das competencias das empregadas e empregados públicos e, polo tanto, da modernización das Administracións públicas de Galicia.
A través deste plan, e dentro da convocatoria sobre igualdade, incorpóranse novos contidos sobre prevención de riscos laborais desde a perspectiva de xénero, as políticas públicas para a igualdade efectiva entre homes e mulleres e o acoso sexual no ámbito laboral. Asimesmo, continuarase impartindo o nivel medio de formación en igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero. En total, ofertaranse 43 cursos e 2.014 prazas en materia de igualdade en 2025.
O programa contará con novidades formativas relevantes, tanto desde o punto de vista dos contidos como da proxección práctica, na área de réxime xurídico con novos títulos sobre a incorporación dos ODS nos procedementos da contratación pública, os convenios na Administración autonómica e o deseño, adquisición e implementación dos sistemas da intelixencia artificial nas Administracións públicas.
Tamén contémplase o reforzo e actualización da formación relativa á área de comunicación, organización do traballo e mellora das habilidades dos empregados públicos con novas actividades formativas relacionadas coa xestión intelixente das redes sociais nas Administracións públicas, a autoxestión emocional e saúde mental no traballo e a diversidade funcional e atención inclusiva.
Na área das novas tecnoloxías e Administración electrónica actualizarase máis do 55% dos contidos da formación específica e ofertarase un programa de actividades completo que abordará materias como a intelixencia artificial, as ferramentas de análise de datos ou as notificacións no sistema de información tributaria Xeito. Ademais, convocaranse seis novas actividades correspondentes ao nivel intermedio da Certificación galega en competencias dixitais (ComDix) e 750 prazas en probas de acceso libre para a obtención directa da certificación ComDix iniciación.
O plan do ano 2025 tamén inclúe un novo curso en portugués para postos de atención á cidadanía, oito edicións adicionais en linguaxe administrativa e xurídica galega e tres novos títulos en materia de economía pública –que se convocarán ao abeiro do Instituto de Economía Pública de Galicia–.
Por outra banda, no que respecta ás modalidades formativas, o plan continúa a reforzar a aposta da EGAP polo emprego de diferentes contornas de aprendizaxe e as metodoloxías de ensino baseadas no uso de medios telemáticos (teleformación, telepresenza e autoformación), sen descoidar a docencia persoal. O plan recolle un programa de autoformación accesible a todos os colectivos do persoal empregado público, no que se ofertarán 15.400 prazas e 77 cursos, e se incorporarán novidades en materias como o marco lexislativo sobre os dereitos das persoas con discapacidade, a regulación da intelixencia artificial e a reutilización da información no sector público.
Estas actividades están dirixidas en exclusiva ao persoal ao servizo das administracións territoriais, institucionais e entes públicos instrumentais do sector público da Comunidade Autónoma, asi como ao persoal da Administración de xustiza de Galicia e de administracións e servizos (PAS) das tres universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG).
Cursos superiores, xornadas, webinarios e foros de debate
Durante a reunión, Sonia Rodríguez-Campos tamén anunciou a continuidade das xornadas de formación práctica dixital (e-martes) e dos cursos superiores de administración electrónica, protección de datos e ciberseguridade e, como novidade, incorporarase un curso superior sobre igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.
Ademais, a Escola convocará un foro de debate sobre innovación e competitividade nos sectores público e privado, unha xornada en materia de prevención da violencia de xénero e novos webinarios nos que se tratarán temas como a ordenación do sector eólico e as súas implicacións ambientais e económicas, a intelixencia artificial e control das Administracións públicas, o colapso na Administración en España, a motivación e prestixio no servizo público, a Lei de reforma e sostebilidade da Administración local ou a captación do talento no emprego público.
No 2025 tamén se impartirán novamente os tres cursos monográficos sobre planificación estratéxica, a Lei 40/2015 e o exercicio da competencia administrativa e a contratación pública.