Escola Galega de Administración Pública
Mapa web   |   Accesibilidade   |   Contacto
EGAP EGAPFORMACIÓN MULTIMEDIA ACTUALIDADE COÑECEMENTO
  • Imagen 1 de 7  

    A EGAP e ATRIGA reforzan a formación dos empregados públicos para lograr un sistema tributario autonómico máis eficaz

    A Escola / Venres, 7 de Marzo de 2025.

    A directora da Escola Galega de Administración Pública (Egap), Sonia Rodríguez-Campos, destacou a importancia da formación especializada en materia tributaria dirixida ao persoal empregado público para fortalecer a confianza nas institucións e lograr un sistema tributario autonómico máis eficaz. Fíxoo no marco da clausura da primera edición do curso monográfico Actualización de criterios de actuación no ámbito tributario autonómico galego, organizado conxuntamente coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga). No acto de clausura tamén asistiu a directora da Atriga, Sonia Lafont Sendino.


    A directora da Egap, Sonia Rodríguez-Campos, salientou que con esta actividade formativa búscase a reciclaxe pero tamén a análise crítica da normativa para que os empregados públicos no ámbito financeiro e tributario poidan facer o seu traballo nas mellores condicións posibles.

    Durante a súa intervención, afirmou que co curso monográfico perséguese a promoción dun enfoque eminentemente práctico, na procura de acadar a máxima aplicabilidade dos coñecementos e habilidades que se adquiren coa formación e, polo tanto, o maior impacto posible no desempeño laboral do persoal ao servizo das administracións públicas. Trátase dun foro con vocación de permanencia para coñecer, fundamentar e harmonizar criterios nas cuestións máis controvertidas en materia tributaria autonómica.

    Entre os relatores que participaron na xornada do venres destacou a presenza do vicepresidente do Tribunal Supremo, Dimitry Teodoro Berberoff Ayuda, que ofreceu a conferencia de clausura As novidades xurisprudenciais sobre aspectos procedimentais tributarios, en especial, a execución de resolucións e sentenzas.

    Tamén interviron o maxistrado do Tribunal Supremo, Isaac Merino Jara; a xefa da área de xestión tributaria da Atriga, Fernanda Amigo Barcia; o catedrático de Dereito Financeiro e Tributario da Universidade de Vigo, Roberto Ignacio Fernández López, e o secretario da Xunta Arbitral de Conflitos, Juan Luis Sanchís Moll.

    Durante dous días destacados expertos a nivel xurídico, financeiro e tributario de Galicia e de fora da Comunidade galega analizaron diversos aspectos controvertidos relacionados coa aplicación dos tributos xestionados pola Axencia Tributaria de Galicia mediante unha revisión desde un punto de visto normativo, doutrinal, académico e xurisprudencial.

    Este curso cunha duración de 12 horas, que puido facerse de maneira presencial e por telepresenza, tivo unha clara orientación dinámica e práctica que permitiu o intercambio de información e coñecementos entre todos os axentes implicados na aplicación do sistema tributario.

    A tributación dos excesos de adxudicación, o tratamento das reduccións do imposto de sucesión en negocios mortis causa sucesivos, a determiniación da base impoñible na tranmisión inter vivos de bens inmobles e as novidades xurisprudenciais sobre aspectos procedimentais tributarios foron algúns dos temas analizados neste curso monográfico.
  •   Anterior Seguinte  
    Pax 1248 de 1257
SIGUENOS ...
 
Matrícula
 
AULA VIRTUAL
 
CONTIDOS RELACIONADOS
 
CONTACTO
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a | RSS
Ir a información de Xacobeo 212