A EGAP aprobou un novo número da Revista Galega de Administración Pública (REGAP), o número 68, que incluirá artigos sobre o papel das diputacións provinciais, a tributación dos excesos de adxudicación e a vulnerabilidade dos procesos electorais, entre outros temas. Esta tarde reuníronse, de xeito presencial na Escola Galega de Administración Pública e tamén a través de videoconferencia, os membros do Consello editorial desta publicación, dirixida por Sonia Rodríguez-Campos, para aprobar os contidos do número xullo-decembro 2024.
A próxima publicación incluirá estudos do profesor de Dereito Administrativo da Universidade de Granada, Luis Miguel García Lozano, titulado O proceso de garantía para a unidade de mercado. Exame de eficacias e ineficiencias, e do profesor de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, Alberto Vaquero García, sobre O papel das diputacións provinciais dende a perspectiva do gasto e os ingresos: situación actual e potenciais liñas de mellora.
Ademais, o número 68 conterá os estudos A rota do Bandoleiro. Itinerarios turístico-culturais e restriccións paisaxísticas entre a normativa e a praxe da investigadora en Dereito Administrativo da Università di Macerata, Carmen Vitale; Positivismo, neoconstitucionalismo e siloxismo xudicial: a mutación prima facie da función xurisdiccional no estado constitucional de dereito, do investigador da Universidade de Castela-A Mancha, Sergio Sánchez París; Claridade na linguaxe da Administración e colectivos vulnerables na España multilingüe. Especial atención á lingua asturleonesa, de Álvaro Rosales Fernández, da Universidade de León, e Vulnerabilidade dos procesos electorais ante o mal uso da intelixencia artificial, da investigadora de Dereito Constitucional da Universidade da Coruña, Luisa Irene González Martínez.
Completarán o número os comentarios Lei de emerxencia e desinformación: unha análise do artigo 36 da Lei de servizos dixitais da Unión Europea, do profesor de Dereito Administrativo Daniele Marongiu, e O benestar animal e a neutralidade na educación como límites da liberdade relixiosa, do catedrático de Dereito Administrativo da Universidade Complutense de Madrid, Omar Bouazza Ariño.
Tamén incluirá os comentarios Tributación dos excesos de adxudicación, da presidenta da Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Dolores Rivera Frade, e Crónica de xurisprudencia, do maxistrado Francisco de Cominges.
Por último, a revista conterá a recensión da obra As razóns do voto na España democrática 1977-2023, do doutor de socioloxía Luis Barreiro Castro.
Todos estes contidos poderán ser consultados de balde na edición electrónica da Revista Galega de Administración Pública (REGAP), no enderezo
https://egap.xunta.gal/revistas/REGAP