A EGAP celebra o día das letras galegas cunha homenaxe ao legado cultural das cantareiras e á poesía popular
A Escola / Venres, 16 de Maio de 2025.
A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) celebrou esta mañá o acto conmemorativo do Día das Letras Galegas, que este ano está adicado á poesía popular oral e as cantareiras, personificado en sete mulleres: Adolfina e Rosa Casás Rama, Eva Castiñeiras; e Manuela Lema Villar, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameijende, integrantes estas catro das Pandereteiras de Mens, de Malpica.
Ao acto asistiron o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos; a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, e a filóloga e escritora malpicá, Icía Varela.
“Rendemos tributo a Adolfina e Rosa Casás, a Eva Castiñeira e ás Pandereteiras de Mens, Manuela Lema Villar e as irmáns Prudencia e Asunción Garrido Ameijende. Elas fixeron da música un acto de identidade a través do cal crear comunidade. As nosas cantareiras, tocadoras e bailadoras ergueron a súa voz para dignificar a nosa propia identidade. Grazas a súa voz, o galego non deixou de escoitarse pasando de xeración en xeración”, destacou o conselleiro de Facenda, poñendo en valor o seu legado cultural e o seu papel na conservación do galego ao longo da historia.
Corgos aproveitou a súa intervención para resaltar e agradecer o compromiso da Escola Galega de Administración Pública coa difusión e o fomento do emprego da lingua galega. Deste xeito lembrou que, ao longo de todo este ano, a EGAP ten programadas preto de 50 actividades para favorecer o uso da lingua galega, das que se beneficiarán máis de 1.600 persoas, que poderán participar nas máis de 3.100 horas de formación.
O conselleiro de Facenda recordou o salto vertixinoso que, tanto a nivel de coñecemento, como de desenvolvemento e de preservación do noso idioma, se ten dado. E incidiu na necesidade de traballar todos xuntos a prol do galego, desde a concordia e a liberdade.
Nesta liña, destacou obxectivos como o de seguir avanzando no desenvolvemento do Proxecto Nós de Intelixencia Artificial para garantir a presenza da lingua galega no eido tecnolóxico; impulsar o uso do galego no tecido socioeconómico da man dos profesionais, colectivos e empresas vinculadas á industria e ao comercio; ou favorecer a creación de produtos tecnolóxicos destinados ao público infantil e xuvenil que favorezan o contacto coa lingua desde idades temperás.
Miguel Corgos concluíu subliñando que o Días das Letras Galegas é unha data na que exhibir e presumir da grandeza e da riqueza cultural de Galicia, “como unha mostra da diversidade desa Galicia Calidade da que tan orgullosos debemos sentirnos”, incidiu.
Por súa banda, Sonia Rodríguez-Campos resaltou a importancia da poesía popular oral e a herdanza cultural das cantareiras e o cancioneiro tradicional e o seu papel na conservación do idioma galego ao longo da historia, así como a transmisión da cultura e tradición galegas. “Estas mulleres, coa súa voz e arte, preservaron a lingua e crearon anónimamente unha poesía popular transmitida nas cantigas das avoas ás netas, das nais ás fillas, dunhas veciñas a outras. Grazas a elas, a lingua galega continou viva e vizosa durante séculos, malia as prohibicións e a súa desaparición do espazo oficial”, apuntou a directora da EGAP.
Ademais, Sonia Rodríguez-Campos sinalou que as pandereteiras “son símbolo de resistencia, empoderamento e sororidade posto que estas cantareiras, tocadoras e bailadoras fortalecían os vinculos comunitarios do lecer colectivo inconscientes, probablemente, da súa foza emocional e política, transmitindo o patrimonio cultural galego de xeración en xeración”.
Durante a xornada conmemorativa levarónse a cabo diversas actividades para dar a coñecer o legado das cantareiras como o relatorio que impartiu a filóloga, escritora e fundadora do grupo Arredores, Icía Varela, que ofreceu un relatorio sobre o seu libro Cantareiras: un percorrido polo legado da música e a poesía popular. A tradición das pandareteiras. As Vellas de Mens, Eva Castiñeira e Adolfina e Rosa Casás.
O acto completouse coa proxección dun vídeo homenaxe e unha actuación musical a cargo de Emilio Rúa.
Viaxe de interese cultural
As actividades convocadas pola Escola para esta enferméride completaranse coa xa tradicional viaxe de interese cultural para o persoal empregado público, que terá lugar o domingo 18 de maio, e que percorrerá Muxía e Malpica, vilas onde transcorreu a vida das mulleres homenaxeadas.