Escola Galega de Administración Pública
Mapa web   |   Accesibilidade   |   Contacto
EGAP EGAPFORMACIÓN MULTIMEDIA ACTUALIDADE COÑECEMENTO
PU09021 - Xornadas sobre políticas públicas en tempos de crise: austeridade, eficacia e fomento da economía de Galicia
Imaxe Curso/Xornada

A situación actual de crise económica mundial xerou un profundo debate acerca da forma e os medios para superala. Neste sentido as políticas públicas, a xestión do sector público, así como o apoio ao sector privado esixen unha profunda reformulación que proporcione respostas que nos permitan superar esta situación. A Escola Galega de Administración Pública pretende neste ámbito realizar a súa achega a este debate dende a perspectiva da xestión pública, e sobre a base da súa necesaria modernización e adaptación ao ámbito actual. Xestión que haberá de executarse, sobre todo polas Comunidades Autónomas, nun ámbito de austeridade, e sobre a base de criterios de eficiencia e economicidad.
Imponse polo tanto, sobre estas bases, a necesaria colaboración e interacción entre o sector público e o privado, partindo sempre da primacía do interese xeral, representado pola acción pública.
Neste contesto organizáronse pola EGAP, no ámbito das súas competencias, as presentes Xornadas, nas que se pretende solicitar opinións e reflexións de destacados representantes da Administración Pública, da empresa, da Universidad, en sectores estratéxicos para Galicia (automoción, forestal, construción), e analizando as cuestións que poidan ser de máis interese para o xestor público, como son as políticas financeiras, tributarias, e do mercado laboral.
Cremos que é importante analizar a situación actual, ofrecer un diagnóstico desta, e establecer eventuais canles de actuación da Administración Pública, tendo en conta os fins que aquela debe conseguir, e os medios necesarios para logralos, sendo neste punto fundamental, a achega de ideas e modos de actuación do sector privado, que haberán de modularse, no ámbito da xestión pública.

DESCARGAR DOCUMENTOS
Edicións
SANTIAGO
Localidade
SANTIAGO DE COMPOSTELA
Inicio
28/07/2009
Fin
29/07/2009
Prazas
298
Programa
Inauguración.
Martes, 28 de Xullo de 2009.

  •  
    •   Imaxes
    •   Video
    •   Audio

A acción do Goberno en tempos de crise: liñas de actuación
Martes, 28 de Xullo de 2009.

A crise económica ten certas particularidades que a diferencia doutras crises anteriores, xa que a globalización implica unha crise a escala planetaria, ten un compoñente financeiro e provoca a desconfianza entre as institucións financeiras.

A Administración pública debe tratar de xerar confianza para favorecer a recuperación, pero partindo do peor dos escenarios posibles, sen crear falsas esperanzas. Resulta imprescindible compatibilizar as políticas de austeridade coa maior demanda de axudas polos cidadáns e as empresas.

Para mellorar a competitividade da economía galega necesítase a promoción do desenvolvemento tecnolóxico, o fomento das tecnoloxías da comunicación e da información, o fomento da calidade dos produtos de orixe galega, facilitar e racionalizar o financiamento das empresas e crear políticas máis activas na defensa da competencia nos mercados interiores.

  •  
    •   Video
    •   Audio

Marca, innovación e internacionalización, claves de la competitividad empresarial
Martes, 28 de Xullo de 2009.

O éxito empresarial baséase en tres aspectos: o capital comercial, o tecnolóxico e o humano, todo iso nun ámbito de economía globalizada.

A internacionalización é un motor da economía e unha necesidade como obxectivo de todas as políticas empresariais, públicas e universitarias, vai determinar a competitividade dunha empresa.

O capital comercial é esencialmente a marca, un sigo non que serve para distinguir un servicio ou produto doutro

A marca é un signo que serve para distinguir produtos e servizos doutros similares que compiten con eles no mercado. Para o empresario é un cúmulo de experiencias, a expresión dunha visión e uns valores empresariais que se traducen nunha forma particular de entender e xestionar o negocio; é o auténtico activo intanxible, estratéxico e esencial dunha empresa, resume a imaxe e a reputación da empresa.
A marca é a base da confianza do consumidor.
Hoxe en día as marcas xeran afinidade emocional co cliente e de aí a importancia da responsabilidade social corporativa.

  •  
    •   Video
    •   Audio
    •   Present

Dereito da competencia en tempos de crise.
Martes, 28 de Xullo de 2009.

Reflexión acerca das consecuencias sobre a crise económica da aplicación do dereito da competencia, analizando se forma parte do problema ou se podería ser a solución. Móstranse diversos exemplos de casos de dereito da competencia que se poderían usar para saír da crise, partindo de varios precedentes históricos como a crise do 29.

De entre as distintas medidas adoptadas pola Comisión Europea destacan o control das axudas do Estado, o control do sector financeiro, as medidas empregadas na economía real, o control de concentracións e a aplicación de medidas restritivas.

  •  
    •   Video
    •   Audio
    •   Present

As condicións do mercado laboral: perspectivas de futuro.
Martes, 28 de Xullo de 2009.

Visión xeral da influencia sobre a crise económica dun mercado laboral moi intervido polos poderes públicos, que impón unha serie de limitacións legais aos empresarios. O mercado de traballo atópase coa división teórica entre os empregados cun contrato indefinido e os empregados cun contrato temporal, aínda que tamén existe unha dicotomía máis patente entre o sector público e o sector privado.

Achéganse numerosas propostas, tanto coxunturais como estruturais, para evitar o despido, defendendo que tanto o traballador como os empresarios deben loitar pola competitividade da compañía. Proponse o incremento dos fixos discontinuos, mellorar a polivalencia dos traballadores mediante a formación continua, reducir os custes do despido para equiparalos á media europea, homologar a negociación colectiva co resto de países comunitarios, volver regular a folga, mellorar a eficacia das prestacións, regular o absentismo laboral, revisar o papel das mutuas e mellorar a intervención laboral.

  •  
    •   Video
    •   Audio

A dirección das organizacións en tempo de crise: modelos de liderado.
Martes, 28 de Xullo de 2009.

En tempos de crise os directivos deben ser capaces de xestionar a inestabilidade política e as diversas ameazas que se lles presenten para poder convertelas en oportunidades. A crise, que aparece no ano 2007, crea entre os directivos un clima de desacougo e desconcerto, o que converte as solucións clásicas en insuficientes.

Apóstase por volver aos fundamentos da actividade tomando decisións en contra da tendencia, reforzando as relacións cos clientes e provedores, sendo honestos cos empregados, retendo o talento clave e actuando con compromiso. Establécense sete principios directores: saber como e que cambiar dentro da organización, desenvolver un plan de ataque e de defensa, aproveitar a redución de custes como unha oportunidade, aproveitar as adquisicións de negocio e talento, escoller e implantar a estratexia, recoñecer á nosa xente como o activo máis importante e que os líderes saiban actuar como tal.

Explícase un modelo de liderado que deben aplicar os directivos, tanto do sector público como do privado, para afrontar a crise que xira en torno aos elementos de cabeza, corazón e coraxe.

  •  
    •   Video
    •   Audio
    •   Present

Mercados emerxentes para a Comunidade Autónoma de Galicia
Martes, 28 de Xullo de 2009.

Os mercados emerxentes presentan como características comúns un alto potencial de crecemento e un alto nivel de risco. Faise un repaso dos distintos mercados emerxentes que hai no mundo organizados por bloques, entre os que se destacan China, India, Rusia e Cuba. Dentro de cada un deles analízanse as súas importacións e exportacións, destacando aqueles produtos que poden ser de interese para Galicia; ofrécense diferentes consellos para investir e explícanse as peculiaridades en canto ao transporte.

Danse algunhas recomendacións básicas que cómpre ter en conta antes de desembarcar nos mercados emerxentes, facendo fincapé nos mecanismos de control para minimizar os riscos.

  •  
    •   Video
    •   Audio

As novas tecnoloxías e o seu papel no desenvolvemento de Galicia
Martes, 28 de Xullo de 2009.

A creación de valor e riqueza a través das novas tecnoloxías é unha das vías que ten Galicia para diferenciarse de xeito sostible e poder competir cos mercados emerxentes.

Enxálzase o valor das ideas e da innovación a través de exemplos de empresas galegas, o que leva asociado un traballo importante. As compañías teñen a necesidade de diferenciarse de entre o resto para sobrevivir no mercado.

Explícase a evolución da única compañía de telecomunicacións galega, facendo fincapé na súa expansión, na evolución dos seus servizos, na renovación das redes e nos esforzos por eliminar a fenda dixital.

  •  
    •   Video
    •   Audio
    •   Present

O sector forestal: problemática e alternativas de futuro
Martes, 28 de Xullo de 2009.

A industria de primeira transformación da madeira vive unha situación preocupante en Galicia. Está en recesión desde os incendios do ano 2006 en todos os niveis de calidade da madeira e prevese que nun futuro existan problemas de inversión. As particularidades do terreo forestal en Galicia (fragmentación das parcelas, montes en man común etc) dificultan o aproveitamento dos recursos e elevan os custes.

Compárase a situación galega coa doutros países cunha superficie arborada importante como poden ser Nova Zelanda ou Brasil, remárcase a actividade forestal como un activo importante para a creación de emprego e trátanse as políticas públicas que se poderían poñer en marcha.

  •  
    •   Video
    •   Audio
    •   Present

Transporte marítimo: autoestradas do mar.
Martes, 28 de Xullo de 2009.

A política do transporte marítimo en épocas de crise xira en torno ás premisas de austeridade, eficiencia e fomento da economía. Neste contexto, o porto de Vigo ten que afrontar unha caída da actividade a pesar de que é un punto de conexión importante entre a economía galega e a mundial. Unha das solucións é a creación de autoestradas do mar.

As autoestradas do mar son unha proposta da Unión Europea para evitar a conxestión nas estradas, diminuír o impacto ambiental, reducir o consumo de combustible, baixar o número de accidentes e mellorar a conexión das rexións periféricas.

Inclúe unha análise do transporte de mercadorías entre España e Francia, que deu lugar á creación do concurso hispano-francés de autoestradas do mar convocado pola delegación da Unión Europea. Explícase con detalle a proposta do Porto de Vigo e as dificultades atopadas a causa da crise económica.

  •  
    •   Video
    •   Audio
    •   Present

Políticas públicas de vivenda en tempos de crise
Martes, 28 de Xullo de 2009.

A situación do parque de vivendas e do mercado, xunto coa evolución dos prezos provocan que unha parte das familias non poida facer fronte ao pago dunha vivenda. Durante anos houbo unha forte evolución do mercado inmobiliario polo crecemento dos salarios, o maior número de persoas por fogar e o descenso dos tipos de interese.

A construción é clave na economía non só polo emprego que xera senón polo seu impacto noutros sectores. Desde a Administración débese fomentar a promoción de vivendas de nova construción de réxime de protección pública, a cofinanciamento de vivendas públicas, a adquisición doutras vivendas, a rehabilitación de áreas urbanas, a urbanización do solo para vivendas públicas e o fomento do aluguer. As claves para Galicia deberían ser potenciar a rehabilitación, impulsar o aluguer entre a xente nova e a formación e asesoramento para a rehabilitación.

  •  
    •   Video
    •   Audio

O proceso de Bolonia
Martes, 28 de Xullo de 2009.

Alberto Gago Rodríguez define Bolonia como un proceso necesario para homologar os títulos de formación superior europeos, e así conseguir a máxima mobilidade posible para os estudantes e os profesionais titulados. Isto conséguese a través da creación dunha estrutura única para os títulos e dun certificado de estudos unificado. Destaca a importancia dos masters ou mestrados como factor de igualación social e explica as condicións para a concesión de préstamos.

Senén Barro Ameneiro destaca a importancia do espazo europeo de educación superior, que afecta a un total de 46 países (toda Europa agás Bielorrusia) e a máis de 30 millóns de estudantes. As universidades galegas teñen unha responsabilidade maior ao achegar unha cultura e lingua propias. Destaca a inversión pública na educación superior como prioritaria.

José María Barja Pérez reflexiona acerca da adaptación dos estudos ao sistema europeo e sobre a aplicación de singularidades nos estudos sobre unhas bases comúns.

  •  
    •   Video
    •   Audio

Conferencia de clausura
Martes, 28 de Xullo de 2009.

A crise formula retos para o sector público que ten que resolver os déficits creados e mellorar o funcionamento do sector público. O estado debe intervir naqueles sectores nos que a economía de mercado non logre satisfacer as necesidades da sociedade, quedando estas definidas polo poder político, actuar como corrector dos fallos de mercado, modificar a distribución da renda facéndoa máis equitativa, asegurar a seguridade macroeconómica e reducir as perturbacións cíclicas da economía. Neste escenario os BRIC (Brasil, Rusia, India e China) teñen un peso importante como mercados emerxentes.

As medidas tomadas no sector financeiro (inxeccións de capital aos bancos, emisión de préstamos directos ás entidades financeiras, apertura de liñas de crédito por parte dos bancos centrais e establecemento de garantías dos préstamos interbancario) lograron evitar unha maior parálise do sector financeiro, pero foron ineficaces para reactivar a circulación do crédito a medio prazo. Por este motivo proponse unha reforma na supervisión e na regulación da actividade financeira que evite a concesión de préstamos a clientes con posibilidades dubidosas de devolución ou a transmisión do risco duns países a outros.

  •  
    •   Video
    •   Audio

Clausura, Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia
Martes, 28 de Xullo de 2009.

  •  
    •   Video
    •   Audio

SIGUENOS ...
 
Matrícula
 
AULA VIRTUAL
 
CONTIDOS RELACIONADOS
 
CONTACTO
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a | RSS
Ir a información de Xacobeo 212