A conselleira Rosa Quintana, acompañada polo presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, e pola directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, deu a coñecer os obxectivos do seu departamento para o sector e as accións estratéxicas a desenvolver para acadalos.
Quintana mostrou a súa satisfacción “por ter cumprido un novo compromiso co sector” ao presentar este documento que permitirá “definir un modelo de xestión que garanta o maior aproveitamento dos recursos económicos, materiais ou humanos que se destinan á nautica recreativa”. Incidiu na obriga da Administración pública de “optimizar os recursos dos que dispoñemos, sempre e especialmente no contexto de crise actual” e asegurou que este Plan dará o pulo necesario ao sector “para un aproveitamento transversal das súas potencialidades”.
Neste sentido, a conselleira resaltou o potencial económico do sector da náutica deportiva en Galicia, que constitúe un importante factor de xeración de riqueza e emprego. Non en van, lembrou que “por cada 1.000 prazas de amarre de carácter náutico deportivo, créanse arredor de 45 postos de traballo”, entre directos e indirectos. Ante esta capacidade de incidencia económica do sector, animou a todos os axentes implicados no desenvolvemento do Plan Estratéxico a “facer realidade a estratexia que vimos de definir e que confiamos en que dará resposta ás necesidades da náutica recreativa á vez que redundará no beneficio colectivo dos galegos, axudando á reactivación da nosa economía”.
Pola súa parte, o presidente de Portos de Galicia, sinalou que o Plan, que se divide en catro grandes ámbitos: mellora da xestión, desenvolvemento das infraestruturas, potenciación de Galicia como destino do turismo náutico e incremento da responsabilidade social corporativa. No primeiro apartado, Durán Hermida destacou como accións estratéxicas a executar a adaptación da oferta a diversos tipos de clientes, a axilización da tramitación burocrática e o establecemento dun sistema único de taxas no conxunto das instalacións.