Escola Galega de Administración Pública
Mapa web   |   Accesibilidade   |   Contacto
EGAP EGAPFORMACIÓN MULTIMEDIA ACTUALIDADE COÑECEMENTO
  • Imagen 1 de 7   Imagen 2 de 7  

    Expertos xuristas defenden unha dimensión da Administración local compatible coa prestación de servizos públicos eficientes para a súa poboación

    Xornadas / Xoves, 11 de Xuño de 2015.

    Expertos xuristas reunidos nunha xornada organizada pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP) coincidiron hoxe en Santiago na necesidade de defender unha dimensión e estrutura da Administración local adecuada ás características do asentamento da poboación e compatible coa prestación de servizos públicos en condicións eficientes. A directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, inauguraba a xornada esta mañá destacando a importancia da reforma das entidades locais e lembrando que Galicia é, ata o momento, pioneira na fusión de concellos.


    Na xornada que se celebra ao longo do día na EGAP –á que asisten empregados das administracións públicas de Galicia, de universidades, persoal do sector público e profesionais de distintos ámbitos-, expertos xuristas recoñecidos na materia explican polo miúdo o momento no que se atopan os proxectos de reforma das entidades locais no marco constitucional do control financeiro e no desenvolvemento autonómico da Lei estatal 27/2013 de “Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local”.

    Sonia Rodríguez-Campos foi a encargada de inaugurar esta mañá a xornada “Sustentabilidade financeira e reforma das entidades locais”, avogando pola conveniencia do establecemento de fusións das entidades locais -tanto por razóns financeiras como administrativas- en todo o territorio nacional e, de forma particular en Galicia,“onde o goberno da Xunta é xa pioneiro ao auspiciar a única fusión de concellos que se levou a cabo en todo o país”, destacou.

    Para a directora da EGAP é crucial afondar esas posibles liñas de reforma das entidades locais para garantir a súa sustentabilidade financeira, defendendo a necesidade da reformulación da súa organización e o seu funcionamento, como requisitos ineludibles para unha eficiente xestión dos recursos públicos locais. Deste xeito, engadiu, a reforma das entidades locais pasa por clarificar as competencias municipais – para evitar as duplicidades e facer efectivo o principio “unha administración, unha competencia”- , garantir un control financeiro e un orzamento máis rigoroso e favorecer a iniciativa económica privada evitando intervencións administrativas desproporcionadas.

    Nesa mesma liña expresouse no relatorio de apertura o director da xornada e catedrático de Dereito Administrativo, José Manuel Díaz Lema, baixo o título “Sustentabilidade financeira e Administración local, en especial, o problema da planta”. Na súa exposición, Díaz Lema defendeu a necesidade de adecuar a administración local ás características do asentamento da poboación, buscando deste xeito a prestación de servizos públicos en condicións eficientes.

    Os datos sobre poblacións, tal e como subliñou Díaz Lema, falan por si mesmos: dos 8.116 municipios españois só 145 teñen máis de 50.000 habitantes. No conxunto nacional só 398 municipios contan con máis de 20.000 habitantes, cifra na que convencionalmente tende a situarse o comezo da eficiencia nos servizos públicos; neles residen algo máis de 32 millóns de veciños; e nos municipios con menos de 20.000 habitantes, uns 15 millóns de veciños.

    Segundo Díaz Lema é imprescindible garantir a sustentabilidade financeira de todas as administracións públicas e de aí a importancia da reforma nas entidades locais. Indo máis lonxe, e partindo de que o mapa local actual é insostible, José Manuel Díaz, defende que as “medidas voluntarias” sobre fusión de municipios ou mancomunidades son neste intre de difícil solución, polo que considera que a Lei Básica Estatal tería que establecer as medidas necesarias para o traspaso dos servizos más caros con carácter forzoso a instancias superiores coma deputacións ou mancomunidades.

    A análise das posibles actuacións de reforma das entidades locais, dende una perspectiva financeira, continuou na xornada organizada pola EGAP cos relatorios de José Manuel Tránchez, profesor titular de Economía Aplicada na UNED; Francisco Villar, catedrático de Dereito Administrativo da Universidade da Laguna; Eulalio Avila, presidente do Consejo General de Secretarios, Interventores y Tesoreros de la Administración Local (Cosital), e Johann-Cristian Pielow, catedrático de Dereito Administrativo da Universidade do Ruhr-Bochum.
  •   Anterior Seguinte  
    Pax 367 de 1198
SIGUENOS ...
 
Matrícula
 
AULA VIRTUAL
 
CONTIDOS RELACIONADOS
 
CONTACTO
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a | RSS
Ir a información de Xacobeo 212