Escola Galega de Administración Pública
Mapa web   |   Accesibilidade   |   Contacto
EGAP EGAPFORMACIÓN MULTIMEDIA ACTUALIDADE COÑECEMENTO
  • Imagen 1 de 7  

    A EGAP clausura o curso de rexeneración democrática cunha chamada por parte dos expertos a unha profunda reforma do sistema político e institucional para recuperar a confianza dos cidadáns

    Cursos / Mércores, 13 de Abril de 2016.

    O vicepresidente e Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, e a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, clausuraron hoxe o curso monográfico Rexeneración democrática e institucional, que reuniu durante dous días en Santiago de Compostela a destacados expertos da política, a xustiza, o dereito, a filosofía e os medios de comunicación de todo o país para debater sobre os desafíos aos que deben facer fronte as institucións públicas para a rexeneración democrática e recuperar a confianza dos cidadáns.


    O primeiro en intervir na xornada de hoxe foi o catedrático de Dereito Administrativo da Universidade Carlos III, Tomás de la Quadra-Salcedo, que ofreceu un relatorio titulado Crise e oportunidade. Na súa intervención, apuntou que a actual crise económica e política que se vive non só en España, senón tamén a nivel europeo e mundial, precisa de medidas moi profundas. “É necesario facer modificacións e reformas de calado pero todas elas deben estar ao servizo de determinar que se quere facer nunha democracia como a nosa”. A este respecto, o xurista engadiu que o risco no que podemos incorrer é o de centrarnos tan só nunha visión introspectiva e institucional, pasando por alto os elementos fundamentais dunha crise política, que se constrúe sobre o propio abandono do Estado de asumir a súas responsabilidades no orde social. Se non se respectan os dereitos sociais hai desafección por parte da cidadanía e non se cumpre coa Constitución”.

    De seguido, o xuíz da Audiencia de Pontevedra e presidente da Asociación Profesional da Maxistratura (APM), Manuel Almenar Belenguer, falou sobre a independencia xudicial e a rexeneración democrática. Indicou que a xustiza en España ten dous problemas fundamentais que provocaron a progresiva perda de credibilidade ou confianza dos cidadáns no sistema xudicial e, ao mesmo tempo, a aparición dun sentimento de frustración ou desmotivación dos propios xuíces. Por un lado, está o problema da aparencia de politización do sistema xudicial, o que afecta á lexitimidade e autoridade dos xulgados e tribunais e o seu deficiente funcionamento (causado pola insuficiencia de xuíces, incorrecto tratamento da litixiosidade e carencias estruturais e organizativas do sistema), é dicir, non tutelar coa calidade, rapidez e eficacia esixibles. “Se a sociedade non cre na Xustiza non sirve de nada que invista na súa mellora”, indicou.

    Manuel Almenar indicou que a xustiza ten os valores e os elementos básicos para conseguir o obxectivo que persegue de garantir a tutela xudicial efectiva de todos os cidadáns, pero o que fai falla “son algunhas reformas legais e medios persoais e materiais para logralo”. Engadiu que “é necesario un dobre esforzo: por parte do poder político, un pacto de Estado que evite que a xustiza se utilice como elemento de confrontación, pero tamén, os propios xuíces deben preservar na defensa dun principio básico: a independencia”.

    O maxistrado destacou os últimos datos dos indicadores da xustiza na UE que arroxan uns resultados moi negativos do sistema xudicial español. España aparece, no que se refire á percepción que teñen os cidadáns sobre independencia xudicial, no posto 25 de 28 países.

    O presidente da Asociación Profesional da Maxistratura sentenciou que a Xustiza a temos que “construír entre todos, por enriba de intereses particulares ou partidistas. Investir en xustiza é investir no futuro do noso país e no dos seus cidadáns”.

    Por último, o catedrático de Dereito Constitucional da Universidade Autónoma de Barcelona, Francesc de Carreras Serra, falou sobre Rexeneración institucional: democracia e partitocracia. Na súa intervención, indicou que a rexeneración do sistema pasa por superar a partitocracia, un modelo que ameaza seriamente a división de poderes e permitiu aos partidos políticos colonizar o Estado, ocupar e repartirse toda a organización estatal e, inclusive, en boa parte entrometerse na sociedade mesma.

    De Carreras indicou que a división de poderes é unha garantía da liberdade pero nunha partitocracia pasa o contrario: “o poder transversal dos partidos anula esta división e instaura un sistema sen controis, que monopoliza todo o poder creando o caldo de cultivo para todo tipo de corrupcións”, afirmou.

  •   Anterior Seguinte  
    Pax 467 de 1219
SIGUENOS ...
 
Matrícula
 
AULA VIRTUAL
 
CONTIDOS RELACIONADOS
 
CONTACTO
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a | RSS
Ir a información de Xacobeo 212