Escola Galega de Administración Pública
Mapa web   |   Accesibilidade   |   Contacto
EGAP EGAPFORMACIÓN MULTIMEDIA ACTUALIDADE COÑECEMENTO
  • Imagen 1 de 7   Imagen 2 de 7  

    A EGAP entrega o Premio Manuel Colmeiro a un traballo de investigación sobre a Administración local galega do Antigo Réxime

    Investigación / Martes, 3 de Abril de 2018.

    A directora da Escola Galega de Administración Pública entregou esta mañá o Premio Manuel Colmeiro, un galardón creado en 1992 para distinguir traballos de investigación que teñen como obxecto a Administración pública de Galicia. O premiado da XX edición foi Rodrigo Pousa Diéguez, cun estudo sobre a Administración local en tres señoríos do Antigo Réxime.


    Durante o acto de entrega, Sonia Rodríguez-Campos destacou a importancia deste premio pola súa contribución á promoción e ao impulso de estudos multidisciplinares sobre a Administración pública. Ademais, resaltou que a vertente investigadora da Escola, reflectida tanto a través deste premio coma das publicacións, serve como punto de partida a outros profesionais e investigadores para coñecer con maior profundidade o sector público dende as súas diversas vertentes científicas. Sen dúbida, o fomento do esforzo investigador, así como a realización de estudos sobre o eido público na nosa Comunidade son iniciativas que redundarán nunha mellora do seu funcionamento.

    Por outra banda, a directora da EGAP tamén quixo lembrar a figura de Manuel Colmeiro, destacado xurista galego responsable de importantes achegas tanto ao Dereito administrativo moderno, como ao Dereito político e á economía.

    Rodrigo Pousa Diéguez, o autor premiado, realizou unha investigación sobre a Galicia do Antigo Réxime nun estudo titulado “La administración local en tres señoríos del Antiguo Régimen: Corcubión, Muros y Noia”, analizando polo miúdo unha época na que a comunidade galega contaba cun mapa administrativo moi fragmentado e complexo, con sete provincias divididas en incontables xurisdicións, concellos e partidos.

    Este rigoroso traballo académico –premiado pola súa calidade científica e metodolóxica- presenta desde unha óptica multidisciplinar as particularidades máis destacables das vilas de Muros, Noia e Corcubión durante o citado período histórico. O estudo pon en relevo aquelas características comúns a todos estes territorios –emanadas do seu carácter urbano, marítimo-portuario, señorial e galaico- así como as diferencias existentes entre elas, facendo fincapé na pluralidade do fenómeno municipal do noroeste peninsular.
  •   Anterior Seguinte  
    Pax 663 de 1219
SIGUENOS ...
 
Matrícula
 
AULA VIRTUAL
 
CONTIDOS RELACIONADOS
 
CONTACTO
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a | RSS
Ir a información de Xacobeo 212