Escola Galega de Administración Pública
Mapa web   |   Accesibilidade   |   Contacto
EGAP EGAPFORMACIÓN MULTIMEDIA ACTUALIDADE COÑECEMENTO
  • Imagen 1 de 7  

    Publicado no DOG o Plan de formación para o ano 2021

    Cursos / Luns, 11 de Xaneiro de 2021.

    O DOG do 11 de xaneiro publica o Plan de formación continua da EGAP, un documento que recolle as actividades formativas dirixidas ao persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, das entidades públicas instrumentais e da Administración institucional, da Administración de xustiza de Galicia, das entidades locais de Galicia e ao persoal de administración e servizos (PAS) das tres universidades galegas (UDC, USC e UVigo).




    O plan formativo para o ano 2021 inclúe un total de 615 actividades formativas e 31469 prazas distribuídas nos seguintes módulos, comúns para todos os colectivos pero adaptados ás necesidades específicas e funcións de cada un:
    • Réxime xurídico e actividade financeira das administracións públicas.
    • Unión Europea: políticas públicas e procedementos comunitarios.
    • Comunicación, organización de traballo e mellora das habilidades.
    • Administración electrónica, protección de datos e calidade administrativa.
    • Plan de igualdade.
    • Lingua galega.
    • Portal de idiomas.
    • Plan formativo ofimático de Galicia.
    Ademais, o programa deseñado para 2021 incide nos seguintes aspectos:
    • á hora de elaborar no novo plan formativo tívose en conta a especial situación derivada da pandemia provocada pola covid. Así, o documento presentado supón unha aposta polas supón unha aposta polas diferentes contornas de aprendizaxe e metodoloxías, mediante a distribución da oferta formativa nas modalidades de autoformación, teleformación e telepresenza, sen descoidar a docencia presencial, que será impartida con todas as garantías hixiénicas e sanitarias derivadas da normativa vixente. Deste xeito, a EGAP, afondando nunha acción estratéxica consolidada nestes anos, continúa a potenciar o seu espazo virtual de coñecemento, cunha formación en liña, ampla e diversificada, mediante a cal o alumnado poida xestionar o seu proceso de aprendizaxe. A aposta polas modalidades de formación non presencial garante a proximidade, a equidade no acceso aos contidos máis demandados e a conciliación da vida laboral e familiar.
    • o plan integra unha oferta formativa ampla e especializada coa que se lle pretende dar unha resposta satisfactoria ás necesidades reais de cualificación do persoal ao servizo das administracións públicas, atendendo, entre outras cousas, ás novidades lexislativas, incluíndo materias de actualidade e ofertando cursos que abordan a análise da lexislación administrativa desde unha perspectiva máis práctica.
    • formación en materia de emprego público coa oferta de novos títulos que achegarán ao persoal empregado público unha perspectiva práctica e que estará orientada á adecuada xestión dos recursos humanos na administración pública
    • inclusión de títulos específicos para todos os colectivos en materia de teletraballo, tanto sobre a nova regulación deste sistema de prestación de servizos como con actividades dirixidas á mellora das habilidades de xestión do tempo, á coordinación de equipos en teletraballo e ao coñecemento das ferramentas informáticas necesarias para aquel.
    • a pandemia causada pola COVID-19 xerou novas necesidades formativas relacionadas coa xestión de fondos comunitarios, de xeito que se fai necesario abordar, ademais da xestión dos fondos europeos «tradicionais», o deseño e xestión dos fondos europeos para a reactivación económica, como mecanismos de recuperación e resiliencia.
    •  en materia de prevención de riscos laborais, programáronse cursos específicos dirixidos aos distintos colectivos de empregados e empregadas públicos nos que se aborda a prevención do risco de contaxio e propagación do coronavirus SARS-CoV-2 no ámbito laboral e o estudo dos protocolos hixiénico-sanitarios que se desenvolveron ao longo do ano 2020.
    • a EGAP segue a apostar pola formación en materia de igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero, formación que desde o ano 2020 se oferta a todos os colectivos de forma global con contidos tanto básicos como especializados.
    • incrementarase a formación en lingua inglesa con novos títulos e un maior número de prazas dos niveis básico e intermedio en teleformación.
    • inclusión de títulos relativos aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e a Axenda 2030 e a súa repercusión na xestión pública, fundamentalmente desde o punto de vista social e ambiental.
    Finalmente, cómpre lembrar que o Plan de formación é un documento meramente informativo, xa que a matrícula para as actividades reflectidas nel terá lugar despois de que se publiquen as correspondentes convocatorias no DOG. 
  • Recursos
  •   Resolución do DOG  
  •   Plan de formación 2021  
  •   Anterior Seguinte  
    Pax 909 de 1208
SIGUENOS ...
 
Matrícula
 
AULA VIRTUAL
 
CONTIDOS RELACIONADOS
 
CONTACTO
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a | RSS
Ir a información de Xacobeo 212