Curso monográfico Introdución á fiscalidade internacional
Cursos / Martes, 5 de Abril de 2022.
A Escola Galega de Administración Pública, ao abeiro do Instituto de Economía Pública de Galicia, convoca un curso monográfico dirixido a ofrecerlle ao alumnado unha visión xeral da fiscalidade internacional e comunitaria que lle permita comprender e profundar no coñecemento dos criterios ou puntos de conexión utilizados para a repartición das competencias fiscais entre os Estados; da determinación da residencia fiscal e os problemas que dela derivan; dos tipos de réximes fiscais, en especial as denominadas xurisdicións non cooperativas (paraísos fiscais), así como as medidas de que se dotan os países para evitaren a evasión fiscal e a erosión de bases impoñibles; do fenómeno da sobreimposición internacional e os mecanismos arbitrados para combatela; da tributación dos non residentes; da natureza e as clases de tributos que gravan o comercio internacional e o comercio electrónico e do proceso de integración económica europea e as limitacións fiscais que derivan para os Estados membros das liberdades de circulación no mercado interior europeo.
Persoas destinatarias: persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada (incluído o persoal que teña concedido un permiso por motivos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral), da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, das súas entidades públicas instrumentais, da Administración institucional, das entidades locais de Galicia e das universidades do Sistema universitario de Galicia.
Modalidade: mixta (presencial e teleformación).
Duración: 25 horas.
Edicións: unha.
Sesión inaugural presencial: o día 19 de abril, das 12.00 ás 14.00 horas.
Teleformación: do 19 de abril ao 12 de maio de 2022.
Proba final: 18 de maio, ás 16.30 horas.
Número de prazas: 40
Solicitude e prazos: desde as 9 horas do 6 de abril ata as 23.59 horas do 11 de abril na Área de matrícula da EGAP.