Escola Galega de Administración Pública
Mapa web   |   Accesibilidade   |   Contacto
EGAP EGAPFORMACIÓN MULTIMEDIA ACTUALIDADE COÑECEMENTO
  • Imagen 1 de 7   Imagen 2 de 7  

    A EGAP destaca a aposta do Goberno galego pola formación do persoal empregado público da Administración local

    A Escola / Martes, 15 de Novembro de 2022.

    A directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Sonia Rodríguez-Campos, e a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, participaron hoxe no seminario A implementación da Axenda 2030 polos gobernos locais, organizado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC).


    Na súa intervención, a directora da EGAP incidiu na aposta realizada polo Goberno galego no relativo á formación do persoal empregado público das administracións locais. Así, en 2022 este colectivo puido acceder a un programa formativo exclusivo con 45 actividades e 2035 prazas convocadas.

    A maiores, tal e como destacou Sonia Rodríguez-Campos durante a presentación do seminario, os traballadores das entidades locais tamén puideron matricularse en 20 materias específicas en igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero, as cales sumaron 1.400 horas. Esta medida ten como finalidade, engadiu, "facilitar que o persoal que traballa de primeira man coas mulleres e as súas problemáticas poida acceder a unha formación específica na materia e contribuír así a integrar a igualdade de oportunidades de xeito transversal en todas as políticas públicas municipais".

    Finalmente, a EGAP complementa de xeito anual este programa formativo co acceso do dito colectivo a cursos de autoformación, idiomas, ofimática e administración electrónica e protección de datos; xunto coas actividades programadas ao abeiro das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación das entidades locais de Galicia. 

    Por outra banda, Natalia Prieto afondou nos retos do municipalismo galego e sinalou que para contribuír a afrontalos, a Xunta destinará o vindeiro ano máis de 564 M€ ás necesidades específicas dos concellos a través do Fondo de Cooperación Local e de todas as liñas de axudas dispoñibles nos diferentes departamentos autonómicos. A contía prevista representa un 15,5 % máis que a de este ano.

    Neste marco de acción, a directora xeral referiuse á necesidade de avanzar cara a novos modelos de financiamento, tanto local coma autonómico. “Levamos anos reclamándolle ao Goberno central a definición dun novo modelo que dea certeza dos recursos cos que podemos contar cada administración e que teña en conta as particularidades dos concellos galegos na súa distribución, como a demografía ou a dispersión xeográfica”, engadiu.

    Segundo apuntou Natalia Prieto, desde a Xunta búscase compensar o desfase que ocasionan esas particularidades a través do Fondo de Cooperación Local, creado en 2011 e que desde entón sumou achegas que ascenden aos 1.800 M€. A dotación prevista para 2023 é de 143,4 M€, un 14 % máis que en 2022.

    Aposta pola xestión compartida dos servizos
    Ademais da colaboración financeira entre administracións, a directora xeral situou como outro gran reto histórico o de impulsar fórmulas para unha xestión máis eficaz e eficiente dos recursos dos concellos. Así, referiuse á política de promoción e fomento da cooperación municipal desenvolvida polo Goberno galego con medidas normativas e convocatorias que incentivan a xestión compartida dos servizos públicos locais.

    O reto demográfico foi tamén un dos aspectos abordados na intervención, coa posta en valor da Lei de impulso demográfico, que converteu Galicia “na primeira comunidade en dotarse dunha norma transversal e de calado que tamén require da cooperación das distintas administracións”. Natalia Prieto destacou que no marco da lei adoptáronse “medidas de todo tipo, a prol das familias, dun rural máis vivo e con mellores servizos públicos para facilitar a vida nos pequenos concellos”

    A maiores, para a directora xeral unha das prioridades do municipalismo é a delimitación competencial entre as distintas administracións públicas, especialmente co xurdimento de novas necesidades tras a pandemia. Nesta liña, a Xunta está xa a traballar coa colaboración da USC na clarificación das competencias, especialmente no eido dos servizos sociais e sanitarios, co obxectivo de evitar duplicidades e garantir a suficiencia financeira.

    Trátase dun “punto de partida para abordar a necesaria reforma do réxime local, que se está a impulsar a través dun convenio coa Universidade de Vigo e coa colaboración de Red Localis”. Un proceso de modernización da normativa que contará “coa participación de todas as entidades locais e que permitirá sentar as bases para mellorar o financiamento, as competencias e a estrutura organizativa dos concellos, así como responder os retos da sociedade actual”, afirmou.
  •   Anterior Seguinte  
    Pax 1074 de 1219
SIGUENOS ...
 
Matrícula
 
AULA VIRTUAL
 
CONTIDOS RELACIONADOS
 
CONTACTO
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a | RSS
Ir a información de Xacobeo 212