Conferencia Bases para a regulación da intelixencia artificial no sector público
A Escola / Martes, 10 de Decembro de 2024.
A EGAP convoca, no marco do Ciclo de conferencias sobre novidades lexislativas no ámbito autonómico, a conferencia ´Bases para a regulación da Intelixencia Artificial no sector público`, que terá lugar o xoves 12 de decembro ás 17:00 horas, na Escola. A sesión será impartida polo profesor de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago, Marcos Almeida Cerreda.
Marcos Almeida Cerreda é un dos integrantes da Comisión de Expertos para o Desenvolvemento e Uso Ético da Intelixencia Artificial en Galicia, impulsada pola Xunta de Galicia, que está formada por dez persoas expertas en diferentes ámbitos, como a economía, a filosofía, a evolución humana, a tecnoloxía aplicada, a ética e normativa ou a política pública. A Comisión foi creada polo Goberno galego a finais de 2023 e está presidida polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño.
Durante a conferencia analizarase a implementación da Intelixencia Artificial e a súa incidencia na forma na que se xestionan os servizos públicos e se toman decisións. Neste sentido, é fundamental un deseño responsable e equitativo destas tecnoloxías que evite nesgos e exclusións e preserve os principios democráticos co obxectivo de que a Intelixencia Artificial non só sexa unha ferramenta técnica senón tamén un medio para fortalecer a gobernanza, a participación cidadá e a consecución do interese xeral dos cidadáns.
O profesor explicará polo miúdo cales son os principios reitores para regular o deseño, adquisición, implementación e emprego dos sistemas de Intelixencia Artificial por parte do sector público.