A inspección urbanística é a actividade que os órganos competentes en materia de edificación e uso do solo realizan coa finalidade de comprobar que as obras executadas están amparadas na respectiva licenza urbanística municipal, e no seu caso, na autorización urbanística autonómica esixida na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUGA). As persoas encargadas de levar a cabo esta función na comunidade autónoma son consideradas como axente de autoridade, polo que os feitos constatados por eles posúen valor probatorio e presunción de veracidade. Teñen potestade para abrir expedientes de investigación, que poden concluír coa apreciación dunha posible infracción urbanística, caso no que se trasladará ao alcalde ou á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, dependendo das competencias de cada órgano, para a posible iniciación dun expediente de reposición da legalidade urbanística.