A licenza; definida na Lei 9/2002, de 30 de decembro, de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia (LOUGA) coma unha competencia municipal que debe ir acompañada de informes técnicos e xurídicos dos servizos municipais; é un dos mecanismos de control preventivo da legalidade urbanística. Ten a finalidade de comprobar que os actos de ocupación e edificación do solo son coherentes e cumpren o ordenamento xurídico vixente; e de examinar a salubridade, habitabilidade, seguridade e accesibilidade. Analízase o procedemento de concesión das mesmas explicando as súas peculiaridades e prazos, facendo mención á Directiva 2006/123/CE do Parlamento europeo e do Consello de 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior da Unión Europea (UE) e aos obxectivos desta, acadados principalmente a través da eliminación de burocracia e mecanismos de intervención administrativa (sobre todo as referidas ás autorizacións previas), así coma da petición de suspensión, tanto por parte do interesado como da administración, analizando as causas e procedementos.