Coas accións enmarcadas neste programa formativo achéganse contidos de relevancia para a mellora da cualificación e da capacitación profesional dos traballadores que desenvolven o seu labor no ámbito local, atendendo ás súas necesidades específicas. Así, para deseñar o seu plan de formación partiuse dunha exhaustiva identificación das necesidades formativas, da revisión dos resultados da avaliación das actividades realizadas no 2014 e da vixilancia permanente das actualizacións normativas e procedementais, o cal se traduciu nun incremento da formación naquelas materias que máis contribúen a modernizar a xestión local e a prestar uns servizos de calidade nun marco de proximidade á cidadanía.