Análise da lei 2/2010 tendo en conta os seguintes aspectos: a reforma da tramitación do planeamento, o incremento das competencias municipais, a integración e a simplificación de procedementos, a integración da avaliación ambiental estratéxica no contido do planeamento, a modificación do réxime urbanístico do solo rural e o reforzo da seguridade xurídica e do tráfico inmobiliario. Esta lei establece unha nova figura que é o plan especial do núcleo rural, de competencia municipal. Créase un planeamento exclusivo e específico para eses núcleos, que antes non existía, establecendo así un instrumento específico para estes casos sen necesidade de acudir a ningún elemento externo.
Tamén se fai referencia ás innovacións en materia de planeamento e tramitacións contidas nos artigos 84-86, ao proceso de inserción das memorias ambientais e á creación do anteproxecto de plan xeral que incorpora os criterios que van servir para elaboración e avaliación do plan xeral.
Finalmente faise referencia aos plans especiais de mellora, rehabilitación e protección dos núcleos rurais, aos plans de sectorización e aos plans especiais non previstos no planeamento xeral.