A crise económica ten certas particularidades que a diferencia doutras crises anteriores, xa que a globalización implica unha crise a escala planetaria, ten un compoñente financeiro e provoca a desconfianza entre as institucións financeiras.
A Administración pública debe tratar de xerar confianza para favorecer a recuperación, pero partindo do peor dos escenarios posibles, sen crear falsas esperanzas. Resulta imprescindible compatibilizar as políticas de austeridade coa maior demanda de axudas polos cidadáns e as empresas.
Para mellorar a competitividade da economía galega necesítase a promoción do desenvolvemento tecnolóxico, o fomento das tecnoloxías da comunicación e da información, o fomento da calidade dos produtos de orixe galega, facilitar e racionalizar o financiamento das empresas e crear políticas máis activas na defensa da competencia nos mercados interiores.