O concepto de patrimonio cultural construíuse gradualmente a partir do de patrimonio histórico. Desde as administracións públicas existe o deber de garantir a conservación dos bens culturais e a lexislación debería solucionar as situacións de incumprimento ou ineficacia. Polo tanto, as accións públicas deberían estar encadradas dentro de tres liñas de actuación: ordenación xurídica de bens culturais desde unha perspectiva de goce colectivo, fomento da conservación e apreciación dos bens e o procedemento sancionador.
O patrimonio cultural debe xestionarse cunha perspectiva plural e interdisciplinar, fomentando actividades compatibles coa conservación dos bens e conseguindo que os titulares dos bens os coiden e os manteñan en bo estado.