Durante a Idade Media moitos dos peregrinos caían enfermos mentres facían o Camiño de Santiago pola falta de hixiene, o contaxio de enfermidades, as feridas etc. Ante esta situación nacen pequenos hospitais e a figura do hospitaleiro, ademais do Códice Calixtino, onde se recollían numerosas recomendacións. As primeiras asistencias sanitarias aos peregrinos cínguense á recollida do enfermo e a ofrecerlle un lavado de cabeza, un lavado de pés e un corte de pelo. Posteriormente aparece o colectivo de médicos, enfermeiros e farmacéuticos que aplican remedios paliativos, sangrías e plantas medicinais. Na actualidade hai normas que amparan a atención sanitaria ao cidadán e, polo tanto, aos peregrinos. A regulación referida a este colectivo está expresada de forma dispersa en diferentes regulamentos polo que se bota en falta unha norma xurídica que aglutine toda a lexislación existente.